Contestando á carta publicada o 14 de marzo baixo o título "Adopción internacional", quero facer algunhas consideracións.

O autor confunde o todo coa parte. Dí que "salvo para unha minoría, para o resto da sociedade a adopción internacional converteuse nun ben máis de consumo das sociedades opulentas, unha moda que sae continuamente na prensa rosa". A realidade é xustamente a contraria: a meirande parte da sociedade ten unha percepción cada vez máis realista e cabal da adopción, e só unha minoría fan un consumo egoísta do fenómeno. O erro é pensar que o que sae nos medios é sempre reflexo fiel da realidade. Pero non é así: a maioría das familias adoptantes son xente que ocupa o tempo en traballar e coidar dos seus o mellor que pode, e non aparece na prensa rosa.

As interrogantes que plantexa o autor da carta teñen resposta doada e tentarei darlla. Por desgraza nos países de orixe dos nenos adoptados non existen condicións nin medios para axudarlles a saír adiante nas súas familias biolóxicas. Se os houbera, sen dúbida sería mellor axudarlles a medrar alí en vez de adoptalos. E por suposto sería desexable favorecer o desenvolvemento destes países para evitar que os nenos marchen en adopción, pero iso non se consegue dun día para outro, e mentras tanto miles de nenos ven pasar a oportunidade de medrar nun ambente mellor que o que teñen ao redor.

Cando retiramos a un neno do seu medio cultural é sempre mirando ó seu propio ben. Na balanza hai que poñer dúas opcións: continuar no seu entorno orixinario coas carencias familiares, educacionais, materiais e de saúde que conleva, ou deixar ese entorno para trasladarse a outro no que pode remediar esas carencias. Miles de fillos adoptados que se atopan en idade adulta son unánimes: todos se consideran afortunados.

A alusión ás parellas que adoptan para resolver o seu problema de infertilidade, demostra un enorme descoñecemento do mundo da adopción. Son moitísimas as persoas que deciden adoptar a pesares de non ter problemas de infertilidade. É frecuentísimo que nunha familia convivan fillos biolóxicos e adoptados. E cando alguén adopta por causa de infertilidade, que hai de malo nelo? Se de ahí se vai derivar un beneficio para un neno, quen se considera lexitimado para impedilo?

O autor da carta que contesto fai tristes xuízos de intencións. Se trata de xuízos infundados porque os que estamos preto deste maravilloso mundo da adopción sabemos que abonda a xente sinxela que quere o mellor para tódolos nenos do mundo. Dende eiquí invítolle á vindeira xuntanza da nosa asociación (pode poñerse en contacto connosco na páxina web). Así terá un coñecemento directo de xente que adopta ou quere adoptar, e comprobará que non responden a ese cliché de persoas egoístas e interesadas.

Queda moito por facer no eido da adopción nacional e internacional. Tanto no que se refire á percepción social do fenómeno coma no que se refire á atención de parte da Administración. Todo o que sexa traballar e aportar ideas para mellorar, será ben recibido. En cambio, a crítica destructiva que só ten como resultado o perxuízo dos nenos, non vai a ningures.

Juan Gaisse Fariña. Vicepresidente de Manaia, Asociación Galega de Axuda á Adopción - Vigo