Opinión | Voyager

A Constelación do libro

A Feira do Libro de Madrid inaugurou a súa 83ª edición o pasado 31 de maio baixo o lema “Entrena tu mente, lee tu cuerpo”, cun cartel do ilustrador éuscaro Mike Casal. Baixo a dirección de Eva Orúe, estenderá a súa actividade ata o 16 de xuño. Con 359 casetas e especial consideración con achegas literarias de obras en linguas estranxeiras traducidas ao castelán (o evento acolleu a autoras e autores de países coma China, Guinea, Québec, Estonia ou Malta, que conseguiron atraer centos de asistentes), a feira ofrece unha programación para todo tipo de público, desde encontros relacionados co mercado editorial para profesionais do sector, ata actividades para crianzas, presentacións de novidades editoriais, debates sobre a Intelixencia Artificial, entregas de premios ou a emocionante final do certame de lectura en voz alta Pequeños Gigantes de la Lectura. Esta iniciativa busca fomentar o amor pola literatura a través dunha experiencia lúdica na que participa alumnado de 4º de primaria de diferentes comunidades. Os nenos e nenas participantes len en voz alta durante tres minutos un extracto escollido por eles dunha obra infantil actual, e logo deben pasar diferentes fases: local, provincial, autonómica... Todo este proceso implica a escolas, bibliotecas, editoriais, autoras e autores, librarías... Ata chegar á gran final, que se celebra no marco da Feira do Libro de Madrid. O nivel de lectura destas nenas e nenos que se suman ao concurso é extraordinario. Ler en voz alta é un exercicio fermoso, especialmente cando se comparte na aula e esa experiencia forma parte dun evento tan importante. As nenas e nenos son as estrelas deste proxecto no que participan tantos axentes relacionados coa cadea do libro. Para min foi un dos eventos máis emocionantes desta edición da feira. Iso e presenciar a lexión de persoas lectoras que agardan a sinatura da viguesa María Oruña. Consolidada coma unha das autoras de referencia da literatura de misterio contemporánea e quince anos despois da publicación da súa novela Puerto Escondido, a carreira de Oruña é meteórica. A feira funciona coma punto de encontro entre autores. Nos meses previos adoitamos repetir a frase: “nos vemos en la feria”. Porque sabemos que o Retiro é lugar de unión e de celebración. Celebramos o noso oficio, a lectura, o feito de formar parte dunha comunidade tan preciosa. A escolla deste adxectivo non é casual. A constelación do libro e da lectura provoca sentimentos fermosos. Especialmente no que ten que ver co contacto co público. É o que lle dá sentido a esta profesión que implica tantas horas de soidade, fronte a pantalla ou fronte ao papel. Despois de pasar semanas vivindo desde dentro o transcurso dunha feira tan poderosa coma a de Madrid, cos paseos centrais abarrotados de público, as casetas funcionando a pleno rendemento para ledicia das librarías, e cunha programación tan nutrida, non podo evitar poñer o foco na Feira do Libro de Vigo, que abrirá as súas portas do 1 ao 7 de xullo. Foi un alivio saber que muda de emprazamento, despois da experiencia tan difícil da pasada edición. A Feira do Libro de Vigo regresa á alameda. Oxalá haxa ducias de casetas marcando o trazado deste evento. Oxalá recibamos alí centos de persoas. Oxalá consiga ter o pulo que merece unha celebración destas características. A feira na alameda é un dos recordos máis vívidos que gardo da miña infancia. Parecíame inmensa, coma se as casetas fosen os vagóns dun tren ou a columna vertebral dun animal fantástico. Pasear por unha das illas verdes que ten o centro desta cidade, coñecer as novidades literarias, asistir ás presentacións, participar nos debates e deixarse querer polos libros, é un galano para todas as persoas e entidades que formamos partes da cadea do libro. Pero, especialmente, para o público. Así que anoten as datas e anímense a visitarnos. Sería fermoso lograr que este evento estea á altura do que merece esta cidade.

Suscríbete para seguir leyendo