Opinión | Voyager

Because I’m Swiftie

Taylor Swift, nun dos seus concertos no Santiago Bernabéu.

Taylor Swift, nun dos seus concertos no Santiago Bernabéu. / E. Press

Escribo estas liñas nun tren onde tamén viaxa unha moza que, coma min, subiu na estación de Urzáiz, en Vigo. Ela vai claramente vestida para asistir a un dos concertos que Taylor Swift ofreceu esta semana en Madrid, dentro “The Eras Tour”, a xira por estadios que a artista comezou en Arizona en marzo de 2023 e que rematará o 8 de decembro en Canadá. A rapaza leva unha saia fucsia brillante, un sombreiro a xogo e era pura electricidade baixando polas escaleiras, en dirección ao tren. A súa nai sorría observándoa. Pareceume preciosa esa comuñón a través dunha expresión artística. Nas últimas semanas, os escaparates e interiores das librarías exhiben en lugares destacados seccións específicas de Taylor Swift. As editoriais coordináronse para lanzar volumes sobre a súa vida e obra nas semanas previas aos dous concertos de Madrid. Cada vez que vexo un libro sobre ela, penso: mercaríaos todos. Talvez por iso non merquei ningún. A chegada da cantante e intérprete á capital foi unha revolución. Houbo que agardar trece anos a que regresase a España. Lonxe queda o desafortunado episodio dos MTV Video Music Awards, no ano 2009, cando o rapeiro Kanye West interrompeu o discurso de Taylor despois de gañar o premio ao mellor vídeo feminino, alegando que era Beyoncé e non ela quen o merecía. Nestas semanas escoitei moitos comentarios condescendentes, paternalistas e sobrados con respecto a Taylor e á súa música. Desde xente que presume de non coñecela (presumir da ignorancia sempre me pareceu un síntoma de falta de intelixencia), ata quen confesa que non lle desagrada, pero que tampouco comprenden a euforia que desata nas adolescentes. En realidade, do que se trata é de entender que a adolescencia adoita marcar as tendencias. Mais isto non é algo novo, e adoitamos esquecer quen eramos cada unha de nós a esa mesma idade e a que artistas venerabamos. Porque, poñan como se poñan, o pasado non sempre foi mellor. O evento histórico que foron os concertos de Taylor provocou reaccións acordes coa intensidade da paixón prenden a súa música e a súa figura. Taylor é tenra, é incisiva, é profunda e, sobre todo, é humana. Talvez por iso se produza esa conexión tan besta. Ela entrégase en concertos que exceden as tres horas de duración e inclúen set acústico, sesenta cambios de vestiario e máis de sesenta cancións nun espectáculo onde todo vibra. Pero, sobre todo, vibra o público, maioritariamente mozo. Á euforia de ver a Taylor en directo, tendo en conta o difícil que era conseguir unha entrada, hai que sumar que moitas fans non viaxaran antes a Madrid, ou non viaxaran soas, ou non viaxaran en avión. Neste caldo de cultivo, a febre pola artista acaba sendo unha bomba emocional. Porque, para miles de persoas, Taylor era etérea, abstracta, unha especie de concepto que flotaba a través dos auriculares, que se manifestaba constantemente a través de YouTube, de Instagram, de Tik Tok... Pero nunca a tiveran diante. E, de súpeto, convértese nunha humana de carne e óso que interpreta diante dos teus ollos ‘Cardigan’, ‘Illicit Affairs’, ‘Wildest Dreams’,‘ The Smallest Man who ever lived’... E todo cobra sentido, porque por fin toman conciencia de que é tan auténtica como as emocións que provoca a súa música. Cousa distinta opinan algunhas das persoas que viven na contorna do Santiago Bernabéu. A Policía rexistrou niveis de ruído que superan o límite máximo de 58 decibelios en horario nocturno. Varios veciños protestaron porque o volume da música dos concertos que se celebran no estadio é tan alto que poden escoitar as cancións perfectamente. E eu pensaba: pois que sorte. Máis de tres horas de Taylor gratis? Pero que fantasía é esta? Sendo honesta, en realidade, tres horas non me parecen moito. Non sei canto tempo escoito a Taylor ao cabo da semana, pero seguramente a miña media diaria supere iso. Because I’m Swiftie.

Suscríbete para seguir leyendo