Opinión | TRIBUNA LIBRE

Ariadna Fernández González*

Galiñeiros

A polémica desatada en Galiza a raíz da necesidade de rexistro dos galiñeiros de autoconsumo non é máis ca unha nova maneira de disuadir a atención de temas que realmente son chave para o noso rural.

Nos últimos meses houbo unha auténtica avalancha de propietarios que colapsou as oficinas agrarias, feito que ten a faciana de sempre, a auténtica desinformación que sufrimos os verdadeiros afectados. Tanto ten que sexas propietario de 200 vacas ou de 10 galiñas, o resultado sempre é o mesmo, a información non chega a onde ten que chegar polos medios nin os canais que ten que seguir. E este é outro exemplo máis, xa que o decreto polo que se regula a avicultura leva 3 anos publicado, de maneira que esta disposición estatal non é nova, mais chegou con case 3 anos de atraso ao epicentro da súa aplicación.

As explotacións de autoconsumo deben ser rexistradas simplemente inscribíndoas no rexistro de explotacións gandeiras. Hai que indicar a localización, o número de aves e o sistema de cría, trámite que supón dez minutos de xestións. Ten sentido por cuestións sanitarias e de bioseguridade que inflúen na cadea alimentaria e tamén no sector gandeiro do noso país. Somos, no conxunto do estado español, grandes produtores de carne e ovos, cun número moi significativo de granxas adicadas a avicultura. Non hai nada que nos chegaba a nova de que en EE UU xa hai casos de vacas contaxiadas de gripe aviar, de maneira que, de non ser rigorosos, teremos serios problemas. Non debemos tratar o tema con chufa, é importante sermos conscientes do necesario da norma.

Os galiñeiros adicados a autoconsumo son lugares de presenza de posibles hóspedes, en moitos casos onde animais domésticos teñen contacto con animais salvaxes, de maneira que teñen máis importancia en calquera brote que se rexistre da que pode parecer.

O importante debe ser ofrecer información veraz, fiable e en tempo, non optar polas sancións (entre 600 e 3.000 euros, non son un tema sen importancia) cando grande parte da poboación non é coñecedora da medida 3 anos despois de ser posta en marcha. Un tema que podía ser levado con orde e de xeito tranquilo converteuse nunha emerxencia que non era tal, ao igual que no rural pasou coa problemática dos veterinarios de explotación, da implantación das novas medidas de aplicación de xurro ou da identificación electrónica do gando vacún.

Trátase da desinformación por desinformación, con efectos de xeración de alarma na poboación por algo que podería facerse doutro xeito máis efectivo e menos traballoso. Deberamos poñer o foco en ter conexión entre o goberno e a poboación, sen que haxa tal falla de ligazón entre eles, en moitos casos a mantenta e que sempre prexudica aos mesmos.

*Veterinaria, concelleira do BNG en Lalín e deputada en Santiago