Opinión | Sputnik

Avril, unha estrea decepcionante

O tren Avril remolcado por un Alvia na estación de Ourense.

O tren Avril remolcado por un Alvia na estación de Ourense. / Víctor P. Currás

Levaban días anunciando que o 21 de maio era a data en que por fin Vigo tería o tan agardado AVE e que o tren Avril S106 marcaría historia, ao ser o primeiro en facer Vigo-Madrid en tempo récord. Os billetes esgotáranse. Coas máis de 500 prazas cubertas e os doce vagóns repletos de pasaxeiros, a saída estaba prevista para as 9:28 con chegada a Madrid ás 13:34 e paradas nas estacións de Pontevedra, Vilagarcía, Santiago, Ourense, Zamora e Madrid. A noticia que se repetía con letras brillantes era: Vigo fará historia o 21 de maio coa chegada do AVE. Poñéndonos un chisco grandilocuentes e procurando a analoxía, lembrábame a expectación que se creou en 1912 co Titanic. O transatlántico máis grande (aínda que isto non fose certo e tivese un irmán xemelgo chamado Olympic). Malia que ambos foron construídos ao mesmo tempo, o Olympic rematouse antes. Tamén repetían sen parar que era o máis rápido, afirmación que tampouco era verdade porque o Titanic non podía competir cos transatlánticos da navieira Cunard Line. O buque insomerxible (aquí non é nin necesario precisar, sabemos que leva desde o ano 1914 criando algas no fondo do océano). “Nin sequera Deus afunde o Titanic”, proclamaban, deixándose levar pola emoción. Mágoa que a historia lles arrebatase a razón dun xeito tan cruel. Tamén o describiron coma o transatlántico máis elegante da época. Non vou entrar en matices, mais bonito si era. Evidentemente estamos noutra escala, pero o hype que se creou co Avril S106 ía nesta mesma liña: o tren máis rápido, con servicio premium, marcaría un fito, condicionado polas obras (que empezan a semellar eternas) na estación de Chamartín. E aínda que as frecuencias ofrecidas por Renfe eran escasas (en realidade son escasas en xeral e, por desgraza, estamos tan afeitas que nos adaptamos) todo estaba vestido de gala para o gran día. Mesmo lin nalgunha noticia que anunciaba que neste tren ofrecen un bo servizo de restaurante, cousa que non quixen crer, por varios motivos. O básico é que para ser un bo servizo o primeiro que necesitamos son prezos accesibles. Quen non se escandalizou algunha vez do que custa comer (e case sempre bastante mal, por certo), nun aeroporto? Nos trens reprodúcese este modelo feroz e abusivo. Por un lado, hai que buscar moito para dar con alimentos de boa calidade. Xa non falo de comer san porque isto semella un soño inalcanzable (se algún día isto sucede, eles escribirán a palabra healthy na súa carta). Pero que sucede cos prezos? Por que está establecido que os prezos sexan tan escandalosos, cando estamos falando dun servizo básico? Nos mesmos edificios onde se nos ofrecen perfumes en oferta con letreiros destacados en cada recuncho, obrígasenos a pagar cantidades desorbitadas por bocadillos, ensaladas que non merecen tal nome e cafés que duplican os prezos das cafeterías de practicamente calquera cidade (deixemos Madrid a un lado neste asunto). Nos trens os prezos dos servizos de cafetaría tamén son abusivos, e imitan os modelos dos aeroportos no referente a produtos de calidade cuestionable, mais cunha oferta moito menor (evidentemente, o espazo nun tren é o que é, pero négome a crer que non se pode mellorar este servizo e o seu custo para as persoas que consumimos). Volvendo ao fito histórico da saída do AVE de Vigo con destino Madrid, saíu cun atraso dun minuto. Detalle que sería mesmo divertido, de non ser porque houbo unha avaría antes de chegar a Ourense e todos os fastos transformáronse en nervios, enfados e unha gran decepción. A diferenza do Titanic, neste caso os pasaxeiros si chegaron a destino. Pero tan tarde que as problemáticas persoais de cadaquén son irreparables. Aínda que se reclaman lles devolvan o importe do billete. Existen cousas que non se poden compensar con cartos.

Suscríbete para seguir leyendo