Opinión | tRIBUNA LIBRE

Antón Branco Vilariño*

O espírito do 45

O 11 de novembro de 1947, na Cámara dos Comúns británica, Winston Churchill, xa na oposición, pronunciou a súa famosa frase “a democracia é o peor sistema de goberno, a excepción de todos os demais”. Deste home, hoxe entrozinado pola historia, tan só queda a súa grandilocuencia, mais cabe recordar que o seu pobo botouno do cargo unha vez rematada a guerra apoiando ao que quizais fora o mellor goberno que caeu nas illas durante todo o século XX, o goberno do laborista Attlee. Este foi quen dotou de liberdade e seguridade á súa xente, intervindo nos sectores primordiais da economía e universalizando as garantías sociais básicas: sanidade, vivenda, transporte e educación.

Con arredor do 6% da poboación mundial, a Unión Europea supón a terceira economía do mundo, moi preto da chinesa e moi lonxe da estadounidense que, ata o de agora, mantense no liderado mundial. A gran diferenza que para min comporta a Unión Europea co resto aséntase no imperfecto equilibro entre igualdade e liberdade. Por suposto, no mercado das ideas poderemos escoller quen nos fale moi mal do actual goberno desta institución e quen nos fale marabillas, mais considero que esta é unha peza fundamental para o noso modelo de benestar.

“La potencia sin control no sirve de nada”. Este é un famoso eslogan de Pirelli, a marca de neumáticos, que saiu á luz en 1994. Viña a dicir que podemos ter un coche de moitos cabalos, mais se as gomas non son boas, á primera de cambio pode que teñamos un accidente. Na actualidade pasa algo similar; é indudable de que iso que chaman mercado, a lonxa na que os actores da economía se moven comprando e vendendo, existe e ten un poder moi grande sobre as nosas vidas, mais tamén existe iso que chamamos Estado que regula e controla ao anterior baixo criterios que rematen beneficiando ou protexendo a gran parte da poboación. A UE e as súas regulacións son as responsables, entre moitas outras cousas, que un alcalde nada preocupado polo cambio climático e pertencente a un goberno que asume as teorías conspiranoicas da ultradereita, coma José Crespo, teña que cinguirse á Axenda 2030 e aos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible. Tamén se pode enumerar a relevancia que supón contar como axudas vitais como a PAC, agro, ou a PPC, pesca.

Certo é que non todo é de cor de rosa, podemos recordar os anos nos que a UE nos apretou o cinturón, a época dos homes de negro, a Europa dos recortes. Mais non estamos nesas, agora, debido a unha conxuntura mundial, fálase de reindustrilización, de regulación dos algoritmos, dun salario mínimo europeo, de mitigación drástica do cambio climático... E ante isto podemos enarborar a bandeira do euroescepticismo, é lexítimo e sinxelo, mais tamén podemos valorar o que temos e participar na súa mellora.

Entendo como condición de madurez o saber integrar a decepción que nos vai producindo a vida coa esperanza que nos van xerando os soños. O realismo menos heroico e máis vivible é aquel no que podemos desfrutar do conseguido mentres ansiamos e producimos o cambio daquilo que nos incomoda. Sexa como for, prefiro ter unhas boas gomas nun coche potente que ir “en llantas”.

*Veciño de Lalín