Opinión | Ao pé do farelo

Ángel Utrera Baza

Tambores de guerra

Nos últimos tempos, non hai día no que machaconamente non se nos fale polos canles habituais dos medios de comunicación –xornais, radio e televisión– e agora tamén internet e as redes sociais, tan de moda, por certo, da guerra de Ucraína e Rusia, e dende hai seis meses xa, tamén do xenocidio de Israel contra os palestinos, coa escusa do terrorismo de Hamas. Os conflitos de África ou Haití, entre outros, non existen e pasaron a segundo ou terceiro lugar no interese da opinión publica.

Por mor da forza da reiteración das imaxes, xa nada do que nos mostran os corresponsais dende aquelas terras nos sorprende ou move á compaixón. Francamente, estamos vacinados contra o horror do que vemos e, se acaso, algún de nós bota de esgallo unha ollada sen pensar no que ve, porque, total, que máis da. E, ademais, píllanos demasiado lonxe das nosas casas, cando se fala do tema, entre grolo e grolo de cervexa no bar.

Pero agora, dende hai unhas semanas, unha nova volta de torca chama por nós e empezamos a escoitar falar de termos e conceptos que pensabamos esquecidos e enterrados para sempre. Pero é que non aprendemos, xa é sabido que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra sen tomar medidas para non volver a caer no mesmo.

Agora os supostos analistas políticos, ou quizabes correveidiles dos máis poderosos, os que de verdade cortan o bacallau, empezan sen pudor a deixar caer pingas de conceptos como: guerra, rearmamento, opción de conflito armado, enfrontamento nuclear de grandes potencias, etc. Como se do que falan fora banal e sen importancia. E, claro, así imos, así nos vai, e algúns de nós pensamos e recordamos o que temos estudado e lido sobre os inicios das dúas grandes guerras mundiais, que, por certo, tiveron como campo de batalla Europa, a vella Europa que non aprende dos seus erros e que leva toda a súa historia fundida no negro e vermello da morte, as conquistas, os imperios, o sangue e lume e a morte dos inocentes, unha vez máis.

Francamente, da medo pensalo e aínda máis medo da a posibilidade que barallan alegremente os que teñen nas súas mans os medios e recursos para que tal nunca xamais volva ocorrer. Pero a min danme moito medo a frivolidade e lixeireza coa que falan da guerra, coma se fora o normal e o único recurso na convulsión destes tempos.