Opinión

Montserrat Carrera Leirós*

Réquiem polas compañeiras e compañeiros falecidos nos accidentes laborais

Resulta que ya nada es igual, nada es lo mismo,

que algo se ha muerto aquí (…)

“Réquiem”, Piedad Bonnett

As últimas semanas foron tráxicas na nosa provincia. Oito persoas perderon a vida no seu posto de traballo. Cinco delas estaban a traballar en Vigo ou na súa área de influencia. Ademais da traxedia laboral hai que sumar a traxedia persoal e familiar, porque o que non agarda ninguén é que un ser querido saia da casa para ir traballar e non volte porque o desempeño do seu traballo lle arrincou a vida.

Comisións Obreiras queremos, en primeiro lugar, amosar a nosa solidariedade e apoio aos familiares e amigos das persoas falecidas nestes terribles momentos; en segundo lugar, denunciar o deficiente investimento en prevención de riscos laborais, unido, en numerosos casos, ao desprezo e falla de interese de moitos empresarios respecto da súa obriga en aplicar as normas básicas nesta materia, poñendo en perigo a saúde e a vida dos traballadores e traballadoras, obstaculizando e estragando o traballo feito ao longo de anos no campo da prevención.

A Lei de Prevención de Riscos Laborais é unha norma fundamental e imprescindible na nosa normativa laboral, sendo garante en canto á avaliación das condicions de traballo e os riscos inherentes ás mesmas e tendo como prioridade blindar as condicións adecuadas de seguridad e saúde dos e das traballadoras

As Comisións Obreiras esiximos que a saúde no traballo sexa o máis importante. Hai que introducir medidas e propostas valentes que ofrezan solucións. A Xunta debe impulsar políticas que reforcen, de xeito claro, a protección da saúde e a seguridade nos centros de traballo. Instamos ao empresariado a que asuma a súa responsabilidade respecto da saúde e da vida dos seus traballadores e traballadoras e que cumpra de forma estricta coa lexislación en prevención de riscos laborais.

Temos que dar a máxima visibilización a esta realidade porque, non só como sindicato, senón tamén como sociedade, debemos ser esixentes e nunca xamais resignarnos ao feito de que o traballo poida supoñer perder a saúde ou a vida.

Por iso, este xoves, 11 de abril, sairemos “de loito” en manifestación, baixo a convocatoria das tres federacións de industria dos tres sindicatos de clase: CCOO, UGT e CIG. A nosa pancarta común rezará Non máis mortes no traballo!!

Invitámosvos a que esteades con nós esa tarde.

Por último, e completando a Piedad Bonnet, morreu aquí o proxecto de vida de moitas familias e isto ten que mudar.

Compañeiros, compañeiras, a loita continúa!

*Secretaria xeral da UC de CCOO de Vigo