Voyager

A superación era isto

A futbolista afgana e doutora en Medicina Nadia Nadim.

A futbolista afgana e doutora en Medicina Nadia Nadim. / Instagram

Ledicia Costas

Ledicia Costas

A historia de Mohamed Omar, o fundador do movemento talibán, é sorprendente e está chea de buratos negros. Nin sequera se sabe onde naceu. O que si está acreditado é que se asentou coa súa familia nunha aldea chamada Singesar. Un lugar sen instalacións eléctricas, nin sistema de canalización de auga. Mohamed Omar, un home que din que era practicamente analfabeto, empeza a impartir leccións nunha construción de adobe e paus, no medio do nada. Rodeado de miseria. Naquel momento era un completo descoñecido, mais acabou liderando unha conquista. Nos anos noventa Omar emprende a invasión de Afganistán. Prometeu restaurar a paz, ademais de facer cumprir a súa versión da lei islámica en canto conseguise o poder. No 1995 invade Herat, unha cidade situada no oeste de Afganistán. Un ano despois xa tomara Kabul. No 1998 os talibáns conseguiran dominar case a totalidade do país. Na invasión de Herat, unha nena chamada Nadia perde o seu pai, un xeneral do exército afgán. No ano 1998, no medio dun contexto bélico de terror e inseguridade, Nadia, a súa nai e as súas cinco irmás deciden fuxir do país. Viaxan de Kabul a Pakistán con pasaportes falsos. De aí voan a Italia mediante a intervención dun traficante e despois viaxan nun camión ata Dinamarca, onde as acollen nun campo de refuxiados. Ignoro como se pode empezar de novo con semellante peso no lombo, pero elas fixérono.

Aí, nese contexto, é onde empeza a paixón de Nadia polo fútbol. Marcou un fito ao se converter na primeira muller nacionalizada en representar Dinamarca. Nadia Nadim vestiu a camiseta de países coma EE UU, Inglaterra ou Francia, xogando en equipos coma o Manchester City ou o PSG. A súa historia, que xa fora viral no pasado, volveu atraer o foco. Porque Nadia Nadim, ademais de conseguir facer carreira no fútbol profesional, e ser imaxe de diferentes marcas, é embaixadora da Unesco en favor da educación para as nenas e mulleres. Foi escollida na lista Forbes de mulleres con maior poder e influenza no ámbito do deporte internacional. Pero é que, alén dos seus logros deportivos, Nadia fala once linguas (entre elas o danés, inglés, alemán, francés, sueco ou árabe) e está doutorada en Medicina, na especialidade de cirurxía plástica. No seu día publicou unha mensaxe agradecendo o apoio das persoas que a acompañaron desde o principio e tamén a outras que foi atopando no camiño. Esa publicación remataba así: “For the haters, I did it again. Kicked a** and there’s nothing you can do about it”.

E que foi de Mohamed Omar? En 1996 promételle lealdade a Osama Bin Laden e acólleo no que se converteu na súa gorida en Afganistán. Contan que ante a súa negativa a entregar a Bin Laden, ante a ameaza de EE UU de invadir Afganistán, Omar fuxiu en motocicleta de Kandahar e que esa foi a derradeira vez que foi visto en público. No ano 2015 filtrouse a noticia da súa morte, que se producira dous anos antes nun hospital de Karachi. Como a súa vida, a súa morte tamén sucedeu en circunstancias que non están claras. O home do que se inventou a lenda de que cosera a súa propia pálpebra logo de perder un ollo polo impacto de metralla, o home pobre e case analfabeto que se converteu en mulá e liderou un exército. O home que protexeu a Bin Laden provoca calafríos mesmo desde o Alén. Mais por riba de toda esa escuridade, Nadia Nadim brilla e pasa a ser a protagonista dunha historia de superación verdadeiramente emocionante.

Suscríbete para seguir leyendo