De bolina

Mae West e a esquerda

O ex ministro de Consumo, Alberto Garzón.

O ex ministro de Consumo, Alberto Garzón. / David Castro

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Pois non: Alberto Garzón non se incorporará, finalmente, á disciplina de Acento. Xa saben Vdes: trátase da consultora especializada en asuntos públicos, fundada polo exministro de Fomento socialista José “Pepiño” Blanco e mais o tamén exministro –neste caso, do PP, e de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade– Alfonso Alonso Aranegui. D. Alberto, quen asemade chegou a dirixir, el mesmo, un ministerio –máis en concreto, o de Consumo; tal semella que acontecese como naquela película de 1983 (Trading Places, no orixinal), con Dan Aykroyd e Eddie Murphy á fronte: entre ministros anda o xogo–, ía asumir na citada firma a Dirección de Prospectiva Xeopolítica.

Vale, de acordo; ok McKey. Pois nada: que resulta que a tal prospectiva vén conformar, seica, un proceso analítico o cal, nun entorno de incertidume e volatilidade, permite explorar aquilo que pode acontecer no futuro, anticipando así os riscos e permitindo planificar estratexias e elaborarmos, xa que logo, políticas ad hoc.

Vale de novo, ninguén se alporice: esta semana, os Tauro téñeno chungo en materia de saúde; polo contrario, aos Saxitario vailles ir que nin pintiparado en cuestión de amores. Canto aos Libra, e como sempre, “ni fu ni fa.”

Mais non foi cousa dun horóscopo funesto –nin tan sequera por mor dun informe negativo por parte da Oficina de Conflictos de Intereses do Goberno– o motivo final do “gatillazo”. Antes ben, e como o propio Garzón vén de aclarar urbi et orbi, cómpre procurarmos a clave da súa renuncia nas acedas críticas recibidas de parte do “ecosistema de esquerdas”(sic): singularmente, aquelas da autoría de Pablo Iglesias Turrión –non sei se lles acordará aos lectores: tamén o Sr. Iglesias foi ministro unha vez– e do exeurodeputado arxentino-aragonés por Unidas Podemos, Pablo Echenique. “Non quero que a miña decisión persoal perxudique os meus antigos compañeiros e compañeiras de militancia”, explicou D. Alberto, frustrado e doído polas “dinámicas tóxicas da esquerda” a lle impediren, daquela, acceder aos despachos de Acento.

“Soy pobre y solo pude comprar/un Simca 1000 bastante vulgar./Soy pobre y solo pude alquilar un picadero para ligar (…) Que difícil es hacer el amor en un Simca 1000” cantaban, ou algo parecido, Los Inhumanos a fins dos oitenta do pasado século. Coordinador federal que foi de Izquierda Unida –“esquerda” e “unida”: parafraseando a Pío Baroja, “se é esquerda non é…;e se é unida…”–, o Sr. Garzón acaba de experimentar en carne propia unha semellante dificultade. Make love, not war? Moito mellor “para qué discutir, si puedes pelear”, que sentenciou Loquillo. En fin, coido lembrar que foi o grande historiador e xornalista Indro Montanelli quen nos explicara que a organización máis parecida a aquela da Igrexa viña resultar, xustamente, esoutra do Partido Comunista. En efecto, tal e como acontece nos santos eidos –católicos, coptos, ortodoxos, luteranos, calvinistas.., herexes varios–, así mesmo abrollan –ou abrollaban– nos dominios vermellos estalinistas, pro-albaneses, maoístas, trotskistas, castristas…,podemitas diversos ma non troppo.

"Poida que os/as de esquerdas vaian ao ceo; pero os/as de dereitas van a todas partes"

Esclareceuno, da súa parte, a inmortal Mae West: “As rapazas boas van ao ceo; as malas van a todas partes”. Traducido agora ao bravú paladino: que se, en vez de militar nas hostes marxistas, fose participar D. Alberto Garzón desoutras abeiradas para a dereita, é máis que probable que nada de todo aquilo que agora mesmo o está a aflixir, chegase a atinxir a menor consistencia. E o que é máis aínda: consideraríase, nesa circunstancia, que entrar a formar parte da tal Dirección de Prospectiva Xeopolítica ou, qué sei eu, sentar no consello asesor para a avaliación da Paleontoloxía Bioestratígrafa do Bank of Middle East ao tempo que se ocupase en ditar conferencias sobre as futuroloxía do parchís na The Synesthesia New Hampshire University,devirían dignísimas actividades, merecentes sempre de apluso e aprobación mediáticas asemade que, claro é, dunha moi respectable remuneración aos efectos.

“Entón, o que lle cómpre é facerse de dereitas, pero xa?”. Sen dúbida, vén ser iso mesmo aquilo que estarán a preguntarse agora mesmo algúns/unhas cantos/as. Pois verán meus e miñas: o problema é que un/unha si que se pode facer de esquerdas cando lle pete. Porén, e infelizmente, non che hai tal proceder con respecto á dereita. Porque de dereitas…; de dereitas nácese.

Suscríbete para seguir leyendo