Segunda Feira

Curros en Vigo

Retrato de Curros Enríquez.

Retrato de Curros Enríquez. / FDV

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

A figura de Manuel Curros Enríquez (1851-1908) gozou de grande popularidade e multiplicáronse os lugares públicos, centros de ensino e institucións varias que levaron e levan o seu nome. A Casa Museo de Curros Enríquez, en Celanova, converteuse nun lugar de visita obrigada para moitos lectores e curiosos. En vida, a relación de Curros coa cidade atlántica produciuse a través de Eduardo Chao, xefe republicano próximo á idea protonacionalista, que daba apoio á editorial e xornal "La Oliva" (retéñase este nome). Curros escribiu belas páxinas biográficas sobre Eduardo Chao despois da morte deste.

No ano 1911 e cando aínda ecoaba na memoria o masivo enterro do poeta, de carácter nacional como fora o sepelio de Victor Hugo en París, o Vigo máis republicano e galeguizante quixo deixar constancia da súa devoción laica polo de Celanova. Así, a sociedade progresista La Oliva (nome coincidente co da cabeceira do xornal), puxo en marcha a erección dun monumento a Curros que foi inaugurado decontado. Unha sobria cabeza e unha muller música tallada no mármore son motivos centrais. Na lenda figura “la ciudad de Vigo" e “la sociedad La Oliva”, que non esquecían “la colaboración eficaz de las señoritas de la ciudad”. Naquela ocasión, Manuel Gómez Román, futuro presidente do Partido Galeguista, figurou como organizador principal segundo diversas fontes.

"Desde o ano 2008, Curros volve estar visíbel nun lugar céntrico da cidade. Iso si, o monumento mírase hoxe moi necesitado dunha intervención e dunha limpeza xeral"

Emprazado na zona norte da alameda de Vigo, alí permaneceu o monumento até 1965, ano en que o alcalde Portanet foi sabedor de que o vello republicano galego tiña unha estatua en Vigo e, sen mediar explicación, mandou trasladar o monumento a un lugar medio oculto do monte do Castro, ao pé da muralla do castelo. No lugar que ocupara Curros na alameda, Portanet chantou un penedo informe cun breve medallón no que aínda pode lerse: “Rubén Darío, príncipe del verso castellano”. A falcatruadas deste tipo chámanlle nos tempos actuais “bilingüismo harmónico”. E ben, visto o malestar que cundía polo desterro simbólico de Curros naqueles lugares nos que foran fusilados no franquismo tantos republicanos, o alcalde Abel Caballero dacordo co BNG, resolveu correxir o dano e, baixou a Curros de novo restaurando o monumento non lonxe da súa ubicación primitiva, nos chamados “Jardines de Eijo Garay” en honor do bispo falangista vigués que ideara a “Instrucción Premilitar Superior”. Desde o ano 2008, Curros volve estar visíbel nun lugar céntrico da cidade. Iso si, o monumento mírase hoxe moi necesitado dunha intervención e dunha limpeza xeral. Moitas grazas a Manuel Bragado que tivo a atención de me axudar con valiosas precisións na redacción desta bagatela.

Suscríbete para seguir leyendo