Segunda Feira

25 de Abril sempre

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Un xove oficial portugués, vestindo uniforme de combate, choutou do jeep e dirixiuxe ás autoridades españolas en Tui para, cumprimentándoas, comunicarlles que a fronteira ficaba fechada unilateralmente até novo aviso. O Movimento das Forzas Armadas, vai facer cincuenta anos, tomara o poder en Portugal para pór punto final ao réxime feixista personalizado nun Marcelo Caetano que sucedía a Oliveira Salazar. Non tardaría en normalizarse a fronteira e, en Galicia, a UPG emitiu velozmente un manifesto de solidaridade co MFA que foi difundido na República veciña.

Galicia alpeiraba, pois, no recoñecemento daquel putch progresista que levou o País irmán á democracia. Abríronse as cadeas, e vomitaron multitudes de presos políticos. Empoleirado nunha tanqueta Chaimite, foi visto e escoitado Hermínio da Palma, en libertade. El era o heroe que bombardeara Portugal con panfletos antifeixistas e fora caer preso tras cruzar a raia do Miño en Salvaterra. O pobo tocou en persoa Álvaro Cunhal, un dos poucos líderes comunistas occidentais que non aceptou, e inda combateu, o eurocomunismo e o Mercado Común. Militares demócratas que mantiveran no corazón a mensaxe de Humberto Delgado, coma o xeneral do Támega, Costa Gomes, saíron á luz da nova libertade incorporándose ao MFA. Entre eles, Vasco Gonçalves, que entrou ao goberno e nacionalizou a banca e os seguros nun acto audaz que pasou á Historia. Proletarios campesiños do Centro Sur expropiaron os latifundios e organizáronse en cooperativas sociais. E todo nun clima de irmandade no que as apertas ocuparon o lugar da violencia que soe amosarse nos grandes movementos revolucionarios.

"O Movimento das Forzas Armadas, vai facer cincuenta anos, tomara o poder en Portugal para pór punto final ao réxime feixista"

Desde o primeiro intre, a Revolución de Abril constituiu unha ameaza para Norteamérica e para o grande capital portugués, que automaticamente pasaron á contra. Os seus axentes políticos foron o PS de Mário Soares e o PSD fundado por salazaristas evoluídos. O PCP mantivo até hoxe, con novas forzas converxentes, o legado político da Revolución.

Portugal prepárase neste intre para unhas eleccións que coinciden coa conmemoración do 25 de Abril. Agora lembramos, con agradecemento, a camaradaxe con que homes e mulleres militantes do PCP e da LUAR acolleron de brazos abertos a chegada orgánica de refuxiados galegos da UPG (logo tamén de EG) que na cidade do Porto se organizaron en comuna política. Deixou pegada en Portugal a emisión galega que, dirixida por Margarita Ledo so a protección do MFA, lanzaba ás ondas, a voz da nosa Resistencia.

Suscríbete para seguir leyendo