O político perfecto

Carmen Villar

Carmen Villar

O político perfecto leva os ollos ben abertos e non afasta a mirada da realidade, mesmo se non lle gusta. O político perfecto coñece o prezo dos produtos máis básicos que entran nun fogar, o custo de acceder a un mínimo de proteínas cada semana, a canto vai a gasolina, como de fondos son os petos dos cidadáns e ata onde serán quen de apertar o cinto sen que rompa.

O político perfecto non recibe un superpoder sen límites, senón que manexa en usufruto o que as persoas lle ceden confiadas. Mentres cumpre aquilo que prometeu, non esquece que as súas decisións afectan a quen nunca o elixiría. Sabe cando é tempo de apertar e cando de afrouxar e se madrugar ou trasnoitar. É lexítimo que se defenda, pero faino con argumentos e non con insultos.

O político perfecto non pode ser nin parecer deshonesto, ten bo perder e actúa con camaradaría. Sabe que significa cada letra das siglas LGBTIQ+ e é capaz de explicarlle a diversidade sexual á súa avoa. O político perfecto bica menos a bebés e máis a persoal de I+D, a mileniais ou a autónomos, pero, iso si, pregunta antes. Ten dereito ás súas cancións, filmes ou libros preferidos, pero pensa nos favoritos dos cidadáns á hora de programar.

O político perfecto é sabedor de que manda con data de caducidade e non teima en perdurar ata que o futuro quede atrás e xa non dea tempo a alcanzalo. O político perfecto non vive a curto prazo: soña ao grande e a tentar facer os soños realidade; agora ben, vixía que non se volvan pesadelos. O seu labor é deixar o mundo mellor do que o recibiu e debe ter claro cando parar.

O político perfecto non ten que sabelo todo, aínda que si debería rodearse de quen lle explique que os ríos flúen cara abaixo e que as vacas dan leite e hai que munguilas salvo apocalipse. Se cadra dubida de cal é o destino da viaxe, pero non pode descoñecer de onde vimos: a Economía e o Dereito son úteis; a Historia, imprescindíbel. Móveo a razón; a emoción resérvaa para a noite electoral, as cores do seu equipo e as festas de gardar.

O político perfecto respecta as tres leis que Asimov creou para os robots e que, tuneadas, soarían a algo así: un político non fará dano a outra persoa nin, por inacción, permitirá que o sufra; cumprirá as ordes de quen o elixiu se non entran en conflito coa primeira lei; e protexerá o seu posto se iso non interfire coas outras leis. Estes tres preceptos abondarían, porque a política é humana e por iso mesmo imperfecta, malia ser un instrumento para facer do mundo un lugar máis perfecto.