Voyager

Os solitarios do mundo

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Na obra “Hermosa soledad”, publicada por Barbara Fiore, o artista taiwanés Jimmy Liao escribiu: “As chisteras dos magos celebran a súa reunión no deserto. Decidiron empregar os seus poderes máxicos para que todos os solitarios do mundo poidan alegrarse xuntos”. Liao, publicista de profesión, tomou a decisión de dedicarse ao mundo da ilustración despois de sufrir unha enfermidade grave. “Hermosa soledad”, é un libro brillante e delicado onde mestura textos de creación literaria con reflexións persoais e sobre a súa condición de ilustrador. Liao ábrese dun xeito conmovedor. Avanzas polas ilustracións e os textos e de súpeto atópaste dentro mundo estraño e solitario. Só estás ti e distintos fenómenos da natureza, e tamén algúns produto da fantasía de Liao. Levo anos reflexionando sobre a soidade e cheguei moitas veces á mesma conclusión: o mundo non está pensado para as persoas que viven soas. Non é unha cuestión circunstancial, é algo endémico, aínda que para velo sexa necesario atravesar a capa máis superficial. Os alimentos envasados que venden nos supermercados están deseñados sempre pensando en familias. Sorpréndeme cando vexo produtos publicitados coma formato familiar porque, en realidade, practicamente todos o son. As froitas envasadas en barquetas, os alimentos precociñados, os tamaños das cousas. Como lograr que non se estraguen os alimentos, se son imposibles de consumir para unha soa persoa? Mais esta talvez sexa só a punta do iceberg. Na base está a vivenda. Vivir de alugueiro na cidade de Vigo empeza a parecerse bastante a vivir de alugueiro en Madrid ou Barcelona, salvando algunha distancia. Os prezos aquí acadaron cifras difíciles de alcanzar para unha parella traballadora, e directamente imposibles para unha soa persoa. É un estrangulamento de tal magnitude que o panorama que teñen diante as xeracións que están empezando a incorporarse ao mercado laboral é desolador. A oferta de venda de vivendas usadas en Vigo e arredores leva tres anos estancada, case sen moverse. A raíz da pandemia repuntou a demanda de casas con terreo, o que derivou nunha oferta actual pobre en calidades e disparada en prezos. Se falamos de adquisición de terreos, construción e xestión de hipotecas, o asunto complícase. Alén da cuestión burocrática (solicitar a licenza de obra e solucionar todos os trámites previos á construción pode chegar a prazos superiores a doce meses), atopar terreos edificables a prezos accesibles é un soño. Pero de que falamos exactamente? Cal é o proxecto? A compra dunha vivenda nova chave en man? Rematar unha casa que foi abandonada durante a súa construción? Hai ducias delas polas parroquias viguesas, vivendas que probablemente nunca serán finalizadas, estruturas que van ennegrecendo coma esqueletos condenados a permanecer nese estado para sempre. Ou quizais exercer de autopromotor? O aumento dos importes dos materiais nos dous últimos anos encareceu estrepitosamente as alternativas. Optar por exercer o papel de autopromotor esixe unha dedicación case a xornada completa, ademais da esixencia de coñecer un sector que é especialmente difícil, e contactar con empresas coma se foses un comercial a porta fría, sen intermediación. Isto alén de que é tal a demanda, que facer unha pequena reforma nunha vivenda son meses e meses de espera, de prazos que xamais se cumpren, da sensación de que na sociedade actual hai dous conceptos que van da man e que semellaron esvaecerse: seriedade e profesionalidade. Son inimiga directa desa idea de que calquera tempo pasado foi mellor. Detesto esa imposición da nostalxia cando unha das características máis extraordinarias que existen na sociedade é a evolución. Mais estanos quedando unha vida difícil e non deixo de preguntarme onde é esa reunión no deserto que inventou Jimmy Liao para que todos os solitarios do mundo poidan divertirse xuntos. Nesta cidade semella difícil.

Suscríbete para seguir leyendo