DE BOLINA

Rishi Sunak/ Indiana Jones

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Nos pasados días, os diversos medios daban cumprida noticia do incidente: pois velaí que o primeiro ministro británico, Rishi Sunak, foi deixar plantado o seu homólogo grego, Kyriakos Mitsokais –a fórmula empregada devén vaporosa, como lle cabe á lizgaira diplomacia da Súa Maxestade: Sunak apenas indicou que, dadas as “actuais circunstancias” non consideraba “produtiva” a reunión entre ambos–, logo de que aquel reclamase, durante o transcurso dunha entrevista na BBC, a devolución dos fragmentos do friso do Partenón que, como é ben coñecido, forman parte das coleccións que se exhiben no Museo Británico. Ditas esculturas –sentenzou Mitsotakis– “pertencen a Grecia e foron esencialmente roubadas (…) mais non se trata dunha simple cuestión de propiedade, senón dun argumento para que se leve a termo a súa reunificación no lugar que lle corresponde; é dicir, en Atenas”.

Como resulta ben coñecido, desde a data en que foi levantado –aló entre o 447-438 a.C.– deica 1687, o senlleiro edificio mantívose en condicións aceptables. Porén, nese último ano, e no transcurso da guerra habida entre a República de Venecia e mais o Imperio Otomán, eis que os turcos utilizaron as dependencias do Partenón como depósito de pólvora: o bombardeo efectuado polas forzas da “Sereníssima” determinou, daquela, que a munición estourase, causando unha irreparable desfeita. Veu ser así que, a comezos do século XIX, o embaixador do Reino Unido en Istambul, Lord Elgin (de aí a denominación “mármores de Elgin”, coa que son asemade coñecidas) conseguiu que o sultán aceptase a venda das esculturas sobrevivintes –en realidade, Elgin, para levar a cabo o seu propósito, falsificou un permiso do dirixinente otomán– e que estas acabasen finalmente nas dependencias do Museo Británico.

“Infelizmente, os mármores do Partenón configuran o único caso coñecido de latrocinio paralegal”

Non vén ser, desde logo, a presente a primeira ocasión na que o goberno de Grecia –e/ou outros organismos do país– reivindica o retorno a terras helenas dos mármores. De feito, xa en 1832, e tras a fin da ocupación turca, deu inicio unha campaña na procura da repatriación das reliquias. Mais foi en 1983 cando a daquela ministra de Cultura, a célebre actriz Melina Mercouri, efectuou unha petición formal ás autoridades de Londres para que os frisos fosen devoltos. “Os mármores do Partenón son a nosa identidade (…), a nosa herdanza cultural, a nosa alma”, argumentou a que fora protagonista de “Nunca en domingo” ou“Topkapi”.Porén, a actitude, e mais a resposta non variaron nin sequera un centímetro (ou, xa postos, nin 0,3937 pulagadas): polo visto, e malia as acusacións de que se tratou dunha operación fraudulenta, eles,os británicos veñen ser os lexítimos donos do tesouro; doutra parte, os gregos non contan, seica, cun lugar adecuado onde poidan mantelo como lle cómpre.

Da súa parte, a República Helénica ten anunciado que, respecto da legalidade/ilegalidade da venda por parte do, desaparecido, Imperio Otomán, non vai levar adiante ningunha sorte de demanda xudicial, limitándose apenas á xestión diplomática. Canto á segunda premisa –e para alén de que, polo menos desde o ano 2009 si que está en funcionamento o Museo da Acrópole en Atenas–, coido que concordarán Vdes. en que a cousa vén algo semellante a como se o Banco X decidise quedar en posesión dos cartos de todos os aforradores que nel os foron depositar, coa escusa de que estes os irían malgastar decontado en fruslerías varias e/ou perigosos vicios.

De certo, o das esculturas do Partenón non conforma o único caso de latrocinio coñecido por parte dunha potencia europea e velaí, sen ir máis lonxe, a controversia arredor do busto de Nefertiti, a esposa do faraón Akenatón, conservado na actualidade no Museo Neues de Berlín. Descuberto por Ludwig Borchardt en 1912, e presentado oficialmente na capital alemá en 1924, as autoridades exicipias veñen esixindo desde esa data o seu retorno ao país do Nilo; e é que tal parece probado que Borchardt fixo algunha que outra trampa para poder transportalo a Alemaña.

Vae victis!, ai dos conquistados!, relatou o clásico. E, de certo, a depredación, o expolio…, a usurpación por parte dos fortes daquilo que, en xustiza, lles corresponde aos débiles constitúe toda unha triste xeira histórica que nos nosos días –e por máis que algúns aínda pretenden negar a evidencia– cómpre erradicar nun mundo democrático, máis alá da tentación de xogarmos a Indiana Jones e por moi simpático que deveña Harrison Ford. Ah, e iso tamén: fillo, como é de hindús africanos de ascendencia india, cabería agardar por parte de Mr.Sunak unha actitude diferente. Mais xa o avisa o vello adaxio popular: “Nin sirvas a quen serviu nin, sobre todo, pidas a quen pediu”.

Suscríbete para seguir leyendo