Notas para unha historia da Real Academia Galega

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

O traballo de documentación da magna exposición “Galicia. A forza da palabra”, conmemorativa do centenario da Real Academia Galega (1906), obligounos a consultar as numerosas fontes documentais custodiadas pola institución cando xa tiñamos publicado o primeiro tomo do epistolario de Murguía en colaboración co profesor Barreiro. Nese momento un encargo precipitado e inesperado do director de Galaxia posibilitou que tivese que sistematizar e resumir toda a información acadada ata ese momento para escribir un artigo para a revista “Grial” sobre a efeméride académica. Este artigo foi o embrión que moitos meses despois se converterá nun proxecto de historia da RAG que esperamos culminar en breve despois de non poucos trasacordos e reescrituras.

A orientación inicial, marcada polo artigo citado, atendendo aos sucesivos presidentes da RAG desde a súa fundación, cun capítulo previo referido aos seus antecedentes, non acabou de convencernos, en primeiro lugar porque percibimos que non todos os presidentes foron quen de construír un discurso institucional conformador dun proxecto merecedor de tal nome; en segundo lugar porque nos decatamos que había moitas pedras e farallóns que velaban na baixamar pero pasaban desapercibidos na preamar co conseguinte perigo que representan.

Foi por este motivo que tivemos que refacer a historia atendendo xustamente aos discursos xerados, en sentido sociolóxico, e non ás persoas que en numerosas ocasión non fixeron outra cousa que proferilos ou mesmo silencialos.

Así, a RAG nace sendo rexionalista e mantén o discurso rexionalista durante dúas décadas sustentado polos corenta rexionalistas fundadores malia non faltaren disidencias anecdóticas, incluídas as ‘Películas académicas’ do singular Riguera Montero. O discurso das Irmandades da Fala comezou a conformarse co nomeamento de Risco (1923) e de Otero Pedrayo que acabaron tomando posesión en 1929, seguidos por Vilar Ponte (1934), Castelao (1934), etc. O nomeamento de Lugrís como presidente en 1934 despertou grandes esperanzas entre os nacionalistas pero a guerra fanou este discurso incipiente que apenas pasou de formularse cautelosamente na prensa.

“A RAG nace sendo rexionalista e mantén o discurso rexionalista durante dúas décadas sustentado polos corenta fundadores”

O silencio imposto, que tamén é discurso, pola dictadura deixou como síntoma expresivo o extravío dos libros de actas, que podía resultar acusador, a dimisión de Lugrís, a suspensión da publicación do Boletín institucional, o nomeamento de Franco como presidente de honra e un nomeamento colectivo de académicos presidido polas autoridades franquistas. Non será ata a década de 1950 que comece a previsible chegada dos fundadores de Galaxia: de Ferro Couselo (1951) a Piñeiro (1967), Chamoso Lamas (1956), Carballo Calero (1958), Sabell (1959), del Riego (1960), Fole (1963), etc. Non deixa de ser relevante a orde e os proponentes, que estudamos polo miúdo.

Os homes de Galaxia inicialmente están preocupados por establecer un canon literario e cultural mediante as coleccións da editorial que lles dá nome: rescate do Rexurdimento, silenciamento absoluto da rebeldía dos novos, exaltación dos homes de Nós, que acabaron fagocitando todo o que bulía arredor. Co mellor estilo masón converteron a institución en “durminte” para que o seu discurso non alterose os seus propósitos. Abriron as portas xenerosamente a pequeños grupos universitarios, naturalmente non todos con talento literario e, con ánimo promocional de Galaxia, promoveron o exitoso Día das letras Galegas. Necesitados dunha normativa por razón editoriais, acabaron pactando co ILG do profesor Constantino García que inicia una serie de sucesivos nomeamentos do Instituto da Universidade de Santiago. En desacordo con este política de alianzas dimitirá o académico Isidoro Millán González Pardo.

Esta alianza determinará a colonización máis importante da historia da RAG, apenas interrompida polo interregno 2000-2013 das presidencias de Barreiro e Ferrín. Entendendo por colonización a capacidade dun grupo para xerar o discurso oficial da institución silenciando ao mesmo tempo aos restantes membros que acaban sendo meros comparsas que asisten aos actos oficiais. Esta política de ocupación institucional para hexemonizar o discurso propio e degradar ou facer desaparecer os dos demais é un signo político e identitario do piñeirismo, moi ben estudado pola socioloxía postcolonial. Desde esta perspectiva dos discursos dominantes e exclusivos resulta máis doado adentrarse na historia da RAG.

Suscríbete para seguir leyendo