Vigo no Tempo e Museo da Emigración

Acaba de inaugurarse (10-11-2023), na Sede de Afundación da nosa cidade, correspondendo ao ciclo Cidades no tempo, a interesantísima Exposición Vigo no Tempo, comisariada por M. Gago e M. Bragado como coordinador dos asesores locais.

Ao redor da identidade viguesa, a exposición móstranos as achegas romanas, castrexas e fortalezas, así como dá conta da reconquista, a prensa galega, a industria, o urbanismo, as artes ou o deporte. A exposición remitiume aos artigos publicados neste xornal: Galicia Atlántica: épica da emigración galega (28-05-2020), e Un tranvía chamado desexo (06-08-2020), ca proposta en Vigo dun Museo da Emigración.

A épica da emigración galega –tal como refiren Luis Seoane e Valentín Paz Andrade–, representa unha gran aventura colectiva, e nada mellor explica ca mítica migratoria as orixes, identidade e a esencia dun pobo. Galicia, no seu conxunto, e Vigo particularmente, sitúanse como os lugares de partida e chegada de emigrantes, que finalmente retornan a súa terra para poder transformala coa experiencia adquirida. O seu traballo, intelectual, empresarial ou participación en micro asociacións implícaos en fins que teñen como base fundamental a educación, significada no financiamento da construción de escolas e centros de instrución públicas por toda Galicia, como ferramenta indispensable do futuro dun pobo. A débeda cos emigrantes aínda está por restituír. O Museo da Emigración en Vigo, sería o mellor dos agradecementos.

Entre moitos outros emigrantes empresarios e benfeitores da cidade, queremos lembrar a Manuel Núñez (1827-1880), un dos maiores benfeitores e impulsor do urbanismo vigués no s. XIX, que puxo a disposición do concello a finca “La Quinta”, para desenvolver o urbanismo. Unha rúa e un canellón levan o seu nome, e o da súa dona, María Berdiales; Garcia Barbón (1831-1909), é co fundador con Policarpo Sanz da Sociedad de Beneficencia e o Centro Gallego, de La Habana. Xa en Vigo promove o Teatro que leva o seu nome, e a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), obrigando a que o ensino fose gratuíto; Tomas Alonso (1835-?), nacido en Coia, e de orixe modesto emigra ao Uruguai. De retorno parte dos seus aforros invérteos en doar tres escolas: Coia, Castrelos e Bouzas. Ten rúa na cidade; Sanjurjo Badía (1837-1919), alcumado “o habilidades”, regresa de Cuba, e funda a empresa “la Industriosa”. Porén, pasara á historia pola construción dun submarino ou boia lanzatorpedos, depositado no Museo do Mar; Policarpo Sanz (1841-1889), legou a súa fortuna a cidade ca que se construíu o primeiro Instituto Público de Vigo, que leva o nome da súa dona Irene, así como unha gran colección de cadros depositados no Museo de Castrelos; Ramón Nieto (1856-1928), creou a primeira escola no barrio de Barreiro, fillo predilecto de Lavadores doou 40 millóns de pesetas, daquela época, para construír as “Escolas Nieto”, onde os rapaces non só aprenderon a ler e a escribir, senón tamén un oficio; Martín Echegaray (1866-1931), emigrou a Bos Aires con 13 anos, formando parte da colectividade da capital Arxentina, e participando no Centro Gallego e a Unión Gallega. Correspondente da RAG, foi o creador e presidente, xunto con outros socios da Compañía Tranvías Eléctricos de Vigo; Tomas Paredes (¿?), natural de Bouzas, emigrou ao Uruguai a principios do s. XX. Doa os terreos para o cemiterio e financia a construción de tres escolas, coñecedor da importancia da educación no progreso socioeconómico de Galicia.

Outros moitos empresarios, escritores e poetas, o patrimonio informativo, arquitectos, músicos, pintores, médicos, políticos, fotógrafos, cineastas, deportistas... fixeron de Vigo, unha gran cidade. E hoxe afortunadamente, esa semente deu os seus froitos ao contar con emprendedores novos, magníficos e grandes innovadores, en empresas como: Kaleido, Marine Struments e Alén Space que tivemos o gusto de escoitar na sesión: Proxección Empresarial de Vigo, organizada polo Instituto de Estudios Vigueses, na EMAO. O futuro antollásenos asegurado a través da paixón polo saber.

*Médico Psiquiatra e Psicanalista

Suscríbete para seguir leyendo