Murguía quería ser galego

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

No medio do horror e da barbarie da guerra palestino-xudía queremos evocar hoxe, como contraste exemplar, as batallas libradas por Murguía verbalmente na defensa das súas ideas. Ben é verdade que non sempre a palabra é unha arma inofensiva: cóntase de Arquíloco (s. VII a. de C.), poeta satírico por excelencia, que un tal Licambes, faltando a promesas anteriores, lle negou a man da súa filla Neóbula. Vengouse insultando tan ferozmente a famila que pai e fillas acabaron suicidándose para escapar do escarnio.

"Murguía, durante este tempo madrileño, formará parte dun grupo de mozos, que cun novo estilo e talante formulan esixencias e ideas distintas"

Murguía non chegou a estes extremos malia que sempre defendeu con afouteza as súas ideas, que podemos resumir lendo o seu artigo titulado “Aniversario” (“La Soberanía Nacional”, 25-4-1855) publicado en Madrid a modo de presentación cando era un mozo de 21 anos. Nel lembraba aos mártires de San Esteban de Paleo, aínda non eran de Carral, esquecidos xa nas súas tumbas, fusilados porque cometeran o delito de “non querer ser máis que galegos”. Pero o grito de liberdade que, sendo neno, tomou desta xuventude esperanzada guiará para sempre os seus pasos. Escribe Murguía este artigo na prensa liberal e progresista como unha especie de manifesto, convencido, como dicía Castelar, que os periódicos son os evanxelistas da liberdade. Pasou o resto da súa vida na procura de razóns e motivos para que os galegos, habitantes “de la Irlanda de España, del país acaso maldito del Señor y escarnecido de todos los que no son sus hijos”, nos sintamos orgullosos do noso, de nós. Sempre, por este motivo, se dirixían e referían a el como “gallego” e foi cualificado en numerosas ocasións de “pouco patriota”, como cando puxo en dúbida a existencia histórica do Cid.

Murguía, durante este tempo madrileño, formará parte dun grupo de mozos, que cun novo estilo e talante formulan esixencias e ideas distintas. Móvense todos no campo do periodismo e da literatura cunha marcada vocación de activismo político e ideolóxico que exercen na prensa eminentemente partidista deste período onde “La Iberia” era a biblia dos progresistas. Nela escribían e colaboraban o seu fundador Calvo Asensio, Sagasta, Núñez de Arce, Carlos Rubio etc., e Murguía ata o ano 1857. Despois a súa firma aparecerá noutras cabeceiras da prensa liberal como “Semanario Pintoresco”, “Crónica de ambos Mundos”, “Album de señoritas y Correo de la Moda”, “La Soberanía Nacional”, “El Museo Universal”, etc.

"Murguía forma parte do selecto grupo de 35 periodistas que se reúnen na fonda de L´Hardy"

O status e consideración de Murguía como periodista, por se non fosen dabondo os seus artigos e debates, quedan corroborados polo convite ao banquete entre directores e redactores ilustres para protestar contra a lei que se acaba de aprobar denominada de “depósito previo” e homenaxear aos deputados que defenderon no Congreso a liberdade de prensa. Na crónica do acto cos discursos correspondentes que recolle a revista “Crónica de ambos Mundos” (30-IV-1861) Murguía forma parte do selecto grupo de 35 periodistas que se reúnen na “fonda de L´Hardy” entre os que están Rivero e González Brabo, Calvo Asensio y Barroeta, sentándose indiferentemente mesturados e confundidos, Castelar, Valera, Rubio, Roberto Robert, Llano y Persi, Palacio, Fabie, Escalera, Muller, Herreros de Tejada, Correa, Carrasco, Auset, Díaz Quintero, Mora, Pravia, Redondo, Altamirano, Cardaño, Ortiz Casado, Suárez, Vallejo, Gutiérrez, Yago, Sánchez de Garay, Murguía, Cantero, Bécquer, Canalejas, La Foz, Díaz (don José), Selgas, Mobellan, Cruzada Villaamil e Antonio Trueba, “Antón el de los Cantares”, como adoitaban chamarlle. Pero Murguía non quería ser máis que galego.

*Académico numerario

Suscríbete para seguir leyendo