Segunda Feira

Lorca noso

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

No xuntoiro europeo do pasado día 7, en Granada, non houbo exercicio de memoria e Federico García Lorca nin foi nomeado na súa terra. Sen este poeta estar afiliado a partido ningún,de morto converteuse en símbolo internacional e permanente da razón antifeixista na Guerra de España. Dos esquecementos xa escribira Freud páxinas aplicabeis ao caso. Recordémolo aquí: Lorca encarna a “gran verdade do mundo” que dixera o seu coevo Luís Pimentel, e quixo ser, tamén, poeta galego. Así, entregoulle a Eduardo Blanco Amor un caderno con seis poemas escritos no noso idioma. Eduardo, despois de intervir na corrección lingüística dos textos con Ernesto Guerra da Cal xestionou a súa edición: ‘Seis Poemas Galegos’, Nós, Compostela 1935.

Todos os coadxuvantes da inmersión lingüística de Lorca na nosa lingua foron partisanos e demócratas cada un ao seu xeito. Guerra da Cal combateu no exército da República e, no mundo do exilio, Blanco Amor destacou de xeito importante na banda leal do conflito. A Ánxel Casal, enfín, alcalde en Compostela do Frente Popular e editor dos ‘Seis Poemas Galegos’, fusilárono en 1936, ao tempo en que Lorca era morto a tiros na súa terra. A ambos, Lorca e Casal, asasináronos elementos falangistas en territorios distantes dos frentes de guerra. Ningún dos poetas do mundo que abandonaron un intre a súa lingua por cantar en galego (foron varios) amosou un grao de identificación coa nosa tradición lírica, popular e culta, tan alto coma o que acadou Lorca. A escolla temática, a enunciación específica e a simpatía radical por nós que Lorca desprega nesta breve colectánea van moito máis alá dunha escueta galeguización traductora. Blanco Amor ou Guerra da Cal puidéronlle servir de cirineos ou de “dicionarios vivintes”: a identificación profunda coa mítica paisaxe, fisiognomía n popular nosa, é alquimia so debida ao xenio individual de Lorca.

En canto á difusión dos ‘Seis Poemas Galegos de Lorca’, digamos que Del Riego (‘Escolma de Poesía Galega’. ‘Os Contemporáneos’, Galaxia, Vigo, 1955) foi responsábel da divulgación acadada nos anos cincuenta do século XX. E é agora, nestes nosos días, cando se está a sentir o desexo de que, se lle outorgue a Federico García Lorca un Día das Letras Galegas.

Suscríbete para seguir leyendo