Urxe cambiar a placa do centenario do Celta

Placa conmemorativa do centenario do Celta.

Placa conmemorativa do centenario do Celta. / Marta G. Brea

Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro

Quero o Real Club Celta de Vigo. É o único club que me fai sorrir, emocionarme, sufrir e aledarme coa súa traxectoria. Que esta entidade cumpra cen anos indica os valores –e non só deportivos– que a levaron a ser algo imprescindible na nosa sociedade.

Pero teño diante miña a foto dunha placa que me resulta indignante. Si, unha placa colocada na Biblioteca Juan Compañel, que conmemora o lugar do nacemento do club en 1923. Unha placa que, en algo máis de catro liñas, case ten máis erros ortográficos e lingüísticos que palabras.

Está escrita en lingua galega. Cando a vin, sentinme moi desgustado. Non daba creto ao que vían os meus ollos. Unha placa no noso idioma, reflexo dun descoñecemento do mesmo sen precedentes nos textos públicos.

Por que foi tamaño despropósito? Por desgana? Por ignorancia do idioma? Porque non ten importancia o galego e todo vale? Porque é unha lingua minorizada sen máis? Quen fixo o texto e non o deu a corrixir? Fíxose talvez por compromiso?

Mil preguntas –e máis que non quero facer– cuxas respostas non imposibles talvez estean soprando no vento como na canción de Bob Dylan.

Sinto moita rabia –controlada, iso si– pola falta de rigor destas frases erróneas. Non sei se en castelán –contra o que non teño nada– se faría a mesma desfeita. Supoño que non. E iso dóeme moito. O galego é o idioma de noso, hai que mantelo, favorecelo, celebralo, falalo, escribilo con corrección. Temos que estar moi fachendosos del. É a nosa cultura, o noso sentimento, a nosa insignia como cidadáns de Galicia.

Tantas veces maltratado, non podemos consentir que o sigan maltratando, tanto de maneira intencionada –seguro que este non é o caso–, como por neglixencia lingüística.

Unha placa como esta non pode figurar nunha biblioteca (lugar de lectura e saber), nin pode ser símbolo dunha entidade que transmite o sentimento azul celeste, nin debe conmemorar un feito tan transcendental como o que representa.

O brillo do galego non se pode agochar en ningún caso. Vai da man de milleiros de celtistas, do club que nos representa, dunha sociedade que precisa del, aínda que non o saiba. Vive en nós, decontino, sen que moitos e moitas se decaten.

Como celtista, como cidadán que ama fondamente o seu idioma, como defensor da nosa cultura, esixo –con humildade– que a placa sexa retirada e substituída por outra correctamente escrita. Urxe reparar esta barbaridade lingüística. Non pode ficar nese lugar eternamente cos erros que a desprestixian. Confío no sentido común dos dirixentes do Celta para facerse eco desta petición. Espero que non me defrauden.

E para facilitarlles o labor, permítome reescribila dunha maneira correcta para que lles resulte máis doado corrixila.

Sería así: “Aquí naceu o RC Celta o 23 de agosto de 1923 grazas á xenerosidade de dous clubs, o Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna, e ás súas afeccións, que amosaron que coa unión se poden acadar os máis grandes dos soños”.

A quen corresponda.

*Escritor. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 2017.

Abonado número 636

Suscríbete para seguir leyendo