DE BOLINA

H.H. na Moncloa

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

“A mellor defensa é un bo ataque”. Saiban desculpar os seareiros, valedores… de D. Pedro Sánchez –para alén del mesmo, desde logo; ao cabo, escolta que foi do Estudiantes na súa mocidade– que non me veña á cabeza ningunha outra frase procedente do eido do basket, pero é que os meus coñecementos sobre ese deporte, qué lle queren, dan para o que dan. Así mesmo, saiban disimular aínda os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais se acontece que a cita devén un tanto inexacta. En todo caso, tal semella –con todos os antecedentes que lle caiban– que o autor da mesma veña resultar nin máis nin menos que Helenio Herrera: xa saben, aquel célebre adestrador arxentino –ou francés-arxentino; no seu haber dúas ligas, respectivamente, co At. Madrid e o Barcelona e dúas copas de Europa co Inter de Milán–, “o mago H.H.”, responsable doutras sentenzas non menos célebres tales “xógase mellor con dez que con once” ou “gañaremos sen baixar do autobús”.

Non contamos con con probas tampouco, claro é, de que o presidente do Goberno español se fose lembrar precisamente de tales precedentes no trancurso da ‘it´s been a hard day´s night’ do pasado 28 de maio do ano que habitamos. Mais así e todo, considerando se cadra D. Pedro que o estoicismo preceptúa que cómpre facermos virtude da necesidade, velaí que decidise, en efecto, tentar beneficio da desgraza electoral e, xa que logo e moi lonxe de atrincheirarse nos seus aposentos, pasar si ou tamén e como Herrera –xenialidade ou suicidio– da resistencia numantina para o máis destemido dos ataques.

“En realidade, non é certo que se poida xogar mellor con dez que con once”

“É que non lle quedaba outra” –obxectan agora algúns–. A ver; de entrada, non parece que veña cadrar moito coa vida e milagres de Sánchez resolver algo semellante ao que si determinou, da súa parte, Mariano Rajoy cando a moción de censura de maio de 2018: isto é, retirarse a manducar opiparamente, fumar logo con calma un lexítimo habano e debullar amodiño as novidades do “Marca.” Doutra parte, de certo tampouco aparenta moito cos xeitos do actual inquilino da Moncloa que este acepte deixar pasar as semanas, meses… que lle poidan restar aínda no seu cargo actual ocupándose apenas dos bonsais que alí foi plantar un seu destacado antecesor. Xa que logo, inquedo, fervello…, bulebule e insomne que devén, foi considerar axiña que a única estratexia posible tiña de consistir –e mentres os demais acougaban nun sono de soños felices– en arranxar todo un almorzo de pura cafeína así para os propios como para os alleos.

“Pero é que está Vde. parvo, señor cronista? –volverán retrucar outra volta algúns–. Seica non está claro, daquela, que non lle quedaba outra?” Vale, de acordo, ‘OK. Mckey’; non se me alporicen meus e miñas. Nin que dicir ten que, de non resultar el mesmo quen anunciase a convocatoria electoral, virían ser os contrarios de D. Pedro aqueles que fosen insistir arreo –en sesións de mañá, tarde, merenda e noite, e por máis que o paso das semanas e mais o imparable desgaste da acción gubernamental xogasen no seu favor– na moi imperiosa, urxente…, imprescindible necesidade dun súpeto adianto dos comicios. Todo iso, desde logo, e aínda máis o que acaso se ordenase peor: ter que aturar as salvas do “fogo amigo” –D. Emiliano García-Page e mariachis adxuntos– a recitarlle, baixo a fiestra, as “mañanitas” xornada si e xornada tamén; os coros náufragos de Podemos a ecoaren, solícitos, ao fondo. Vaia; o que se di, todo un panorama.

“Ou España ou Sánchez; ou Sánchez ou España. Pois ben; se a resposta popular é España, votade, xa que logo, popular(mente)”: sen dúbida, o Sr. Núñez Feijóo e compañía non albergan incertezas respecto da mensaxe que cómpre trasladarlle ao electorado. “Salvemos a Sánchez e así salvámonos todos”: velaí, da súa parte, a réplica que ben pode artellar, ao tempo que chisca o ollo para babor e na procura de oportunas complicidades, o persoeiro da autoproclamada “esquerda útil” socialdemócrata. En todo caso, estamos perante dunha controversia que, moito máis que en calquera apartado socio-económico –e non será por falta deles!– si que se vai centrar, e se os deuses non o remedian, nesoutros episodios ideolóxico-culturais e de pura e dura xestualidade emocional. A quen pode favorecer, ao cabo, semellante conxuntura? De entrada, o Sr. Feijóo parte con vantaxe; mais acontece que as historias de amor/desamor deveñen de seu impredicibles. En fin, polo seu lado, D. Pedro Sánchez tampouco debería fiarse moito: e é que por moito que o acuñase Helenio Herrera, nunca foi –nin é– certo que se xogue mellor con dez que con once.

Suscríbete para seguir leyendo