Os Camiños da Vida

Menos Apóstolo

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

“Porque no mundo minguou a Verdade, tentei un día de a ir buscar. E, ondequeira que preguntase, dixeron todos: –Búscaa noutro lado; novas dela non temos, pois canda nós xa non anda. Petei nos mosteiros dos frades regrados, e dixéronme: –Non busques a Verdade aquí porque hai moitos anos que non mora connosco e non sabemos onde ela se encontre. No Císter, onde a Verdade soía ter paraxe, dixéronme que por alí non se deixaba ver había tempo, nin frade ningún a coñecía xa; e o abade pensaba que a Verdade xa non tería tratos na contorna e que andaba lonxe do convento. En Santiago, sendo albergado na miña pousada, chegaron romeus; pregunteilles, e dixeron. –Por Deus que levas o camiño errado. Se queres saber onde está a Verdade, outra vía che convén buscar, que aquí ninguén sabe cousa dela”.

“O tema de Santiago Apóstolo e do seu culto en Compostela nunca acadou a grande relevancia que a común opinión adoita atribuírlle”

O anterior é o intento de prosificación que fixen dun “sirventés moral” do século XIII galego. O autor é o trobeiro compostelán Airas Nunes, que ten sido considerado un dos grandes dos Cancioneiros. Axustándose ao tópico medieval, Nunes ven coincidir coa vivencia da “posverdade” (hoxe á moda) que parece inquietar moitas subxectividades contemporáneas. En Nunes, a sátira agudízase situando os frades máis ascéticos e observantes (os do Císter) entre os sectores sociais dos que a Verdade se apartou. Os propios romeiros confesan o triunfo da Mentira en Compostela. No sirventés que comentamos, a crítica luterana e erasmista ás peregrinacións e bulas insinúase cunha antelación de máis de dous séculos. E o trobador betanceiro Pero Amigo de Sevilla, tamén no XIII, cóntanos nunha “pastorela” da súa autoría, o sucedido un día no que, indo en romaxe a Compostela, fixo tratos, picantes, divertidos e psicoloxicamente complexos, cunha bela pastora por chegar con ela a unha relación erótica duradoira. Aquí, o peregrino, levado da paixón, ofrécelle doas valiosas á rapariga en troco dos seus favores: fitas de Rocamador, toucas de Estela, e así.

En poucas máis ocasións aparece o Camiño e a mención mesma de Compostela nas cerca de 1680 cántigas que, na conta de Graça Videira Lopes, integran o corpus laico dos nosos Cancioneiros. Se, a isto, unimos o feito de que Afonso o Sabio non lle cantase os seus loores a Santiago o Maior nin relatase os milagres del, senón que centrase toda a súa obra relixiosa en Santa María (“Estrela do Día”) condúcenos sempre a unha certeza: o tema de Santiago Apóstolo e do seu culto en Compostela nunca acadou a grande relevancia que a común opinión adoita atribuírlle. A evolución ideolóxico-política do culto e peregrinación a Santiago de Compostela desde a primeira Restauración borbónica á actualidade, pasando polo nacionalcatolicismo franquista, é algo digno dun estudo que non colle aquí nin sabería levar eu a bon porto.

Suscríbete para seguir leyendo