Segunda Feira

Santiago ou non

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Un libro de José Carlos Bermejo Barrera (‘Os santos das nacións. Relixión e lendas de conversión en Europa’, Laiovento, Compostela, 2021) remexe con brillantez no tema histórico do culto ás reliquias e “corpos santos” en Occidente. A obra refírese, tamén, ao sepulcro compostelán de Xacobe ou Santiago e mais ao conto que o sustenta. Menciona o autor santuarios de Europa que custodian corpos completos, cabezas ou extremidades de Santiago o Maior en competencia con Compostela.

Xa Miguel-Anxo Murado divulgara a existencia dunha catedral armenia que, no preciso lugar de Xerusalén no que o Fillo do Trono fora degolado, os cristiáns veneran aínda un seu sepulcro. Non está demostrada a predicación de Santiago en Hispania, e a batalla de Clavijo nunca tivo lugar. E parece improbable que Santiago, morto, fose consignado por mar a Padrón.

O presunto corpo do Apóstolo foi perdido e reiventado varias veces. A derradeira desaparición de tales ósos produciuse en 1584. Daquela, o arcebispo ocultou os despoxos, de modo que a memoria do sitio esvaeceuse no ar. Tánto era o medo a que a Francis Drake lle pasase pola cachola profanar ou levar o corpo a Inglaterra! Mais, en 1879 e despois dunhas escavacións dirixidas por López Ferreiro e ordenadas polo cardeal Payá, díxose que aparecera o corpo perdido do apóstolo Xacobe. Isto foi oficializado polo papa de Roma na súa bula Deus omnipotens, de 2 de novembro de 1884.

Entón amañouse o sepulcro que hoxe loce coma apostólico e sobre o cal evolúe, para gozo de todos, o Botafumeiro. Convén sinalar que os tales restos de Santiago achados polo autor d’ A tecedeira de Bonaval apareceron nun subsolo que, hoxe ben explorado, revela a existencia dunha vasta necrópole na que se acumulan, en mestura, monumentos funerarios e restos humanos de época romana e sueva, co cal a igrexa compostelá puido escoller, a sabor, cal daqueles defuntos podería desempeñar mellor o rol de Santiago Apóstolo nos anos futuros.

Pouco máis tarde entra en escena o prelado e erudito francés Louis Duchesne. Este bispo sabio, nun traballo que viu a luz (ano 1900) nos Annales du Midi, o titulado “Saint-Jacques en Galice”, introduce no imaxinario xacobeo a sombra, ao parecer indestrutible, de Prisciliano. Referíndose a coincidencias certas, Duchesne abría as portas á posibilidade dunha confusión entre as identidades do Apóstolo e do Herexe; decapitados, respectivamente, en Xerusalén e en Tréveris. Cousa que parecen celebrar, coas fauces ben abertas, os monstros románicos que Mestre Mateo dispuxo no basamento do Pórtico da Gloria.

Suscríbete para seguir leyendo