Ata sempre!

Luís Guimeráns Curra*

Estimados socios/as, directivos/as, xogadores, colaboradores, patrocinadores e todos os que son ou foron parte deste marabilloso club. Hoxe diríxome a todos vós cun cúmulo de emocións mentres me despido do cargo que ocupei durante os últimos 27 anos como presidente do Alondras C.F. Foi unha viaxe extraordinaria, chea de alegrías, tristezas, desafíos e momentos inesquecibles, pero agora chegou o momento de dar un paso a un lado e permitir que un novo Presidente guíe o rumbo do Alondras C.F. A miña decisión de deixar este posto non foi fácil e foi motivada por razóns laborais e persoais que me esixen afrontar un novo reto. Chegou o momento de ceder o testemuño a novas persoas con ideas frescas e entusiasmo renovado.

A todos os xogadores e adestradores quero agradecerlles a súa dedicación e entrega tanto nos éxitos como nas adversidades. A canteira sempre será o futuro e a esperanza do Alondras C.F. Vós sodes os verdadeiros protagonistas desta historia. Grazas por compartir o respecto e a paixón polo fútbol con todos nós.

Quero expresar o meu máis profundo agradecemento á nosa afección. A vosa presenza nas bancadas, o apoio e os aplausos, foron o combustible que me deu a forza para superar calquera adversidade. Os seareiros son os que manteñen vivo ao Alondras C.F.

Grazas a todas as casas comerciais e empresas que co seu apoio económico fixeron posible que durante estes 27 anos o Alondras CF puidese seguir realizando e mellorando o seu labor de fomento e práctica do fútbol entre os nenos da nosa vila.

A todos os que foron membros da Directiva algunha vez nestes 27 anos, quero agradecerlles o seu traballo incansable de maneira altruísta para que este club funcione. Camiñamos xuntos, tomado decisións difíciles e trazando estratexias para levar o noso equipo e a nosa canteira cara a adiante. A vosa lealdade e apoio foron inquebrantables, e xuntos superamos obstáculos e alcanzando logros que ao lembralos énchennos de orgullo. A vosa dedicación e compromiso foron fundamentais no crecemento e éxito do o noso club. Grazas por ser o meu equipo de confianza e por compartir esta paixón comigo.

Non me podo esquecer da miña familia, da miña muller e os meus fillos, grazas por todo o apoio durante estes anos e por facer do meu hobby algo tamén voso. Durante estes anos, fun testemuña de momentos de gloria e momentos de tristeza, pero sempre mantivemos a paixón e a unidade. A medida que me despido deste cargo, lévome comigo recordos inesquecibles, aprendizaxe continua e moi bos amigos e boas persoas. Este club sempre será parte da miña vida e seguirei apoiándoo desde onde estea. A todos vostedes, afección, membros da nova directiva, xogadores e canteira, deséxovos o mellor. Que este club continúe crecendo, alcanzando novos logros e levando a alegría a todos os que nos move este deporte e este club.

*Expresidente e socio nº 59 do Alondras C.F.