na latitude do deza

Hilgen, lousa ao pescozo do Concello de Vila de Cruces

Antonio Presas

Tirarse a un río caudaloso, sabendo nadar, pode ser arriscado pero tirarse ao río cunha lousa atada ao pescozo é, cando menos, mortal e isto é o que sucedeu e sucede coa devolución dos mapas do Legado de Hilgen ao Concello de Lalín por parte do de Vila de Cruces. A historia do que sucedeu é amplamente coñecida pero, aínda, non tivo o correspondente desenlace final, porque o Cruces nunca quixo responsabilizarse coa situación que el mesmo creou, mantivo e na que pretende persistir ad infinitum.

Agora, dentro da campaña electoral que realizan todos os candidatos dese concello non lle escoitamos dicir a ningún deles, nin o vemos publicado en parte algunha, como é o caso dos seus programas, que tentarán resolver un problema enquistado, que vai camiño de convertese nun fósil: a devolución dos mapas de Hilgen a Lalín. Este Concello, no ano 2012, colaborou de forma completamente altruista, desinteresada e construtiva co de Cruces e cedeulles, por cinco anos, o invalorable Legado de Hilgen para que o seu pretencioso Museo da Minaría tivera un amparo científico incuestionable e, ao final dese tempo, apareceu co paso cambiado e non foi capaz de devolver todo o material prestado, nin dar explicación de onde podía estar, nin amosou unha mínima vontade de resolver o grave problema creado. Nunca responderon ao caso, nin tan siquera se molestaron en responder aos múltiples requerimentos realizados polo Concello de Lalín, non fixeron máis ca contar mentiras cando a Valedora do Pobo, nunha exemplar actuación, pediu a adopción de medidas resolutivas e tentan esquivar, coa técnica da avestruz de meter a cabeza enterrada na area para non ver e ignorar a resolución xudicial que, irremisiblemente, os condena a devolver os mapas do Legado Hilgen.

E agora, nunha campaña electoral na que se loita por ocupar o poder nese concello, ningún partido político, nin dos responsables nin dos inocentes, é tan sequera capaz de ter en conta ese problema que carga contra eles en forma de senteza xudicial resolutoria. Isto é francamente penoso e todo segue en alto, pendente dunha solución que debe chegar, dalgunha forma posible, pero non se vislumbran actos premonitorios que poidan poñer en camiño un problema que, debe resolverse inexcusablemente e inevitablemente.