Letras de Paz

Clodomiro Ogando Durán

Clodomiro Ogando Durán

Abril e maio deste dous mil vinte e tres son meses de Paz e Letras. A Paz achégasenos pola conmemoración dos sesenta anos da publicación da encíclica Pacem in terris do papa Xoán XXIII. As Letras porque tamén conmemoramos sesenta anos da institucionalización do día dedicado a honrar ás autoras e autores que, coa súa obra, fixeron posible que a nosa lingua teña espazo, recoñecemento e visibilidade no mundo da cultura e na vida de tantas persoas galegas.

Corría o ano mil novecentos sesenta e tres cando Francisco Fernández del Riego (D. Paco), a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas, tivo unha xenial idea: que, con motivo dos cen anos da publicación da obra Cantares gallegos de Rosalía de Castro, se dedicase este día a honrar ás autoras e autores galegos que, ao utilizar a lingua galega nos seus escritos, facían dela lingua de recoñecemento e dignidade. Asemade, honrábase tamén a todas as persoas que a utilizaban no seu xeito de comunicarse nos diversos ámbitos das súas vidas. Comeza entón un tempo no que as letras pensadas para contar, describir, emocionar, mirar e entender a realidade convértense en Letras de honra para todo un pobo que, polo seu xeito de falar e expresarse, fora silenciado, cando non invisibilizado, e non só nos chamados anos escuros na utilización da lingua galega.

Neste ano aquel home de Lourenzá, a beira dunha das grandes cidades do Antigo Reino de Galicia, a histórica Mondoñedo, recibe o recoñecemento de todo un país no que a lingua serve de vehículo de identidade cultural que dá un ser, sentir, vivir e saberse na solidariedade de todas aquelas persoas que senten a emoción de conformar unha mesma cultura expresada a través dunha lingua na que fala, reza, traballa, estuda, comparte, vive e sente. E que con este xeito de saberse no mundo, non se pecha nun recuncho incomunicado, senón que se abre á universalidade do entendemento con outras linguas e pobos que se descobren copartícipes dun mundo chamado, cada vez con máis urxencia, a ser casa común compartida.

E se as letras unen e achegan cando con elas se plasman ideais, proxectos, ilusións, esperanzas e valores, serven para que esa universalidade da que viñamos falando acabe abranguendo, nunha agarimosa aperta de fraternidade, persoas e pobos que loitan por un mundo máis igual, pacífico e non confrontado. Esta foi tamén, hai sesenta anos, a tarefa que se propuxo Xoán XXIII, aquel Papa Bo da primeira primavera eclesial. No remate da súa vida –finou o tres de xuño daquel mesmo ano–, publica o que foi o texto do seu maxisterio que o fixo pasar á posteridade coma o home que loitou e traballou pola paz nun mundo enfrontado, dividido e ameazado polo medo, ante a tensión creada entre os dous grandes bloques ideolóxicos daquel momento, leste e oeste.

"Só a través da palabra é posible defender a identidade que dignifica e crea fraternidade"

A publicación do texto de Xoán XXIII supuxo un berro de denuncia e esperanza para un mundo demasiado enrocado en intereses ideolóxicos nos que as persoas non eran máis ca medios na loita por acadar prestixio, poder e capacidade de dominio. O chamamento a tódolos homes de boa vontade, que o papa realiza no comezo da súa encíclica, rompendo o ámbito estritamente eclesial, pon de manifesto non só a dificultade do momento, senón tamén o desexo da Igrexa de ser, naquel mundo ao borde do conflito bélico, mediadora de paz e xustiza máis alá do uso das armas, para asegurar que na casa común, como anos máis tarde dirá Francisco, ninguén se sinta á marxe.

Letras e Paz uníronse naquel difícil ano sesenta e tres do século pasado. Letras e Paz volven unirse sesenta anos despois, tamén en momentos difíciles e cheos de crispación, enfrontamento e violencia para lembrarnos que só a través da palabra é posible defender a identidade que dignifica e crea fraternidade, para converterse en palabra de Paz e recoñecemento da outra persoa, non como algo que se utiliza para acadar poder, senón como alguén que sabe abrir novos camiños de entendemento e solidariedade.

Letras e Paz fan real que, se queremos, outro mundo é posible.

Benia a D. Paco e a Xoán XXIII!

Suscríbete para seguir leyendo