Os Camiños da Vida

Aguirre en Vigo e poetas afogados

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

É feito coñecido que o poeta e revolucionario Aurelio Aguirre Galarraga (1832-1858) foi figura central do alzamento de 1854 en Galicia. Nado en Compostela dunha familia de curtidores de orixe vasca, foi popular entre aqueles obreiros que estaban a entrar como clase na nosa Historia e exerceu moito ascendente ou liderádego entre os xoves protonacionalistas do seu tempo.

Cando foi esmagado o Bienio Progresista, considérase con fundamento que o poeta viaxou a Vigo. Nesta cidade, dicíndoo coas mesmas verbas de Murguía, “todo lo hería y deslumbraba”. Alén de Murguía en ‘Los Precursores’ (1886), Caamaño Bournacell trata en ‘Crónicas Galaicas’ (1968) da tempada que pasou Aguirre na cidade da Oliveira. O retrato poético de muller idealizada que Aguirre pinta en 'Ensayos poéticos' é un condensado de perfección formal e de orixinalidade de imaxe que logra ultrapasar o Romantismo.

Outro poema de Aguirre, seguramente escrito en Vigo, trata do mar e da praia coma escenario erótico, o que lle suxeriu a alguén un encontro temperán coas cántigas de Martin Codax. Cousa imposíbel, xa que a primeira edición da obra do trobador mariño aparecería en Viena en 1870 e da man do pai da historiografía brasileira Francisco Adolfo de Varnhagen cando xa o compostelán era morto.

“Cando foi esmagado o Bienio Progresista, considérase con fundamento que o poeta viaxou a cidade da Oliveira”

Seica seguindo os pasos de Felisa Taboada, a súa namorada viguesa, Aurelio Aguirre viaxara á Coruña. Sempre fascinado polo mar, muda as ondas de Vigo polo gran golfo dos Ártabros. Daquela, Aguirre vaise bañar á praia de San Amaro, para alí morrer afogado cando acababa de cumprir 25 anos de idade. Aínda sendo home de entusiasmos seguidos de negras sombras de saudade e decepción, Murguía e outros íntimos non acreditaron que Aguirre se suicidase na praia, como Alfonsina Storni había de facer moitos anos máis tarde.

Morreu, así, na costa de San Amaro igual que había de morrer en 1935 Teodoro Morgade, poeta xove coruñés e membro activo das Mocedades Galeguistas da Coruña. Afogado insigne fora, con certeza, o grande Percy B. Shelley. Pensando en todo isto, temos imaxinado un mural, que o Urbano Lugrís máis submariño nunca pintou, no que aboian e flutúan entre goldrías, polbos xigantes e triste argazo, os corpos líricos destes defuntos memorables. Non podemos esquecer que Rosalía de Castro, en “Torres de Oeste”, nos transmitiu a atracción fatal que exercen as correntes de auga sobre os corazóns atribulados.

Suscríbete para seguir leyendo