Mocedades de Beiras

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

O Ateneo Atlántico de Vigo ofreceulle a Xosé Manuel Beiras (1936) unha homenaxe á que non me foi posíbel asistir. Teño a certeza de que a urbe de Turonio acolleu moi ben o acto e de que as grandes sombras do seu pasado aplaudiron desde o fondo dos espellos da lembranza comunal. Sentiuse que a figura republicana de Eduardo Chao presidía o acto e asentía nos corrunchos da biblioteca de Artes e Oficios. A estes fenómenos evocativos chamámoslle memoria histórica nacional galega.

O acontecemento foi o pasado 25 de abril e toda a esperanza, en parte frustrada, da revolución portuguesa percorría os ánimos dos circunstantes. A escrita báixame ás orixes, e vexo un Beiras noviño, de nique e barba en collier, que anda por Vigo ao regreso dunha súa estadía en París. Leva nos petos Paroles, o libro radical de poemas de Jacques Prévert . E tamén as Memorias de Tains de Mourullo, insignia da nosa xeración. Beiras pásame en Vigo, sen convencemento, un número Jeune Europe, cinsento boletín que a CECA, ou sexa os EE UU, producía daquela para arredar as mocedades da influencia comunista. Falo do verán de 1956 ou 57, e todos iamos a Samil no tranvía máis excitante, que era o que nos deixaba, entre a vexetación dunar, ao pé mesmo do Balneario. Estaba de moda a novela neocristiá de Kazanzakis, pero Beiras, disidente, andaba a ler moito en Gide e moito en Camus. A literatura e a música moveron o primeiro Beiras, e nunca foron dimensións secundarias do seu modo de habitar o mundo. El sobranceábanos a todos en coñecementos e leituras sobre a cuestión nacional galega. E aquel mozo brillante non tardaría en se facer veciño de Vigo, a cidade da súa liñaxe materna. Tamén acordo un Beiras novo onda o campo de rugby da universitaria de Madrid, cando, en paseata apousada, traduciamos un poema da Alexandre Cribeiro que había de ver a luz en Les Lettres Françaises de Louis Aragon.

"Aquel mozo brillante non tardaría en se facer veciño de Vigo, a cidade da súa liñaxe materna"

Pro voltemos a Beiras en Vigo para miralo participar (1965) nos primeiros pasos da Asociación Cultural no tempo en que el estaba ao cargo da Revista de Economía de Galicia, que Galaxia fundara en Reconquista 1-1º, oficina contigua á da consignataria de Kruckenberg. Non dou arredado o Beiras mozo do seu período de residencia en Vigo, de onde saíu para ocupar a cadeira de estrutura económica da Universidade Compostelá na que se formara. Tampouco podo imaxinar lonxe de Vigo o día en que Beiras asumiu a dirección dun PSG que se achaba en estado durminte desde que fora fundado anos atrás. So a dirección de Beiras reuníronse os redactores daquel Documento Conxunto PSG-UPG que tanto desgustou no círculo piñeirista canto foi celebrado polos xoves patriotas de esquerda e pola tendencia independentista. Os contidos do citado pronunciamento anuncian O atraso Económico de Galicia (1972): evidente, alí o está o toque maxistral de Beiras. Este transitaba con naturalidade da referencia privilexiada de Perroux á definición que Robert Lafont estaba a facer do colonialismo interior. Intelixencia, corazón, lealdade, estilo son valores que conformaban a persoa pública e privada de Beiras. E segue a ser así.

Suscríbete para seguir leyendo