Os Camiños da Vida

Antón de Meder

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Acabou os seus días o amigo Antón Alonso Fontán. Natural de Meder e ligado durante toda a vida ao Condado de Salvaterra, foi tamén vigués desde moi novo. E vigués, precisamente, do núcleo, gurgullante de vida e trasfego social e mercantil, que se articula no cruzamento da Rúa de Manuel Núñez coa de María Berdiales, onde foi o Frontón dos crimes franquistas e o cine Niza da nosa mocidade.

O círculo dos seus achegados chamoulle “Antón de Meder”, o que parecía compracelo. “Do bon viño de Meder / eu ben quixera beber” –escribira nunha ocasión Urbano Lugrís. Endexamais renunciou ao coidado das videiras e á elaboración do viño e da caña propios. Oralmente ou en textos escritos, Antón de Meder foinos informando sobre a permanencia no Condado da institución macabra do “abellón”, do polbo coma manxar ritual da Noite de Nadal ou dos derradeiros “seráns” que xa se foron para non voltar.

Foi investigador, e debémoslle datos firmes sobre Vesteiro Torres. Creu na hipótese que sitúa o Medulio heroico dos Galaicos no actual monte de Sandomedio, riba do Miño nativo que é onde deben estar todos os Medulios.

"Nacionalista de esquerda por temperamento e razón, centraba a atención no rodopío de Salvaterra de Miño"

Abrazou Antón a causa dun naturalismo social e nacionalista. A súa obra Apocalipse en Galicia constituíu a Biblia dun movemento de resistencia contra a instalación de fábricas de celulosa entre nós. Alonso Fontán tiña vocación de líder popular, e foino. Nacionalista de esquerda por temperamento e razón, centraba a atención no rodopío de Salvaterra de Miño.

Así, o Condado cobrou novos azos e formou parte fundamental da Galicia comarcalizada que o nacionalismo soñou sen chegar nunca a materializarse. Antón de Meder aparece como figura principal na fundación e mantemento dunha publicación crítica e ben escrita que levaba o título de A voz do Condado. Impulsou a Festa de Poesía do Condado, que felizmente continúa a celebrarse coma un facho no que Galicia e Portugal arden nunha mesma flama lírica.

Celmoso escritor en galego, afagounos con textos moi coidados de contido belixerante. Influíu nos círculos concéntricos de Galicia Ceibe e do PGP. Loitou por individualizar o viño do Condado, emancipándoo da tutela oficial que lle impón a denominación Rías Baixas. O seu soño, dourado coma os acios das “albariñas uvas” de Rosalía, foi o do recoñecemento galegoportugués dunha rexión vinícola na bacía do Miño, de Portomarín a Caminha. Cando Pondal escribiu “os bos e xenerosos” agoiraba persoas coma Antón Alonso Fontán, hoxe convertido xa en memoria do seus amigos e familia.