Autogoberno con sentidiño e ambición

Santiago Lago Peñas

Santiago Lago Peñas

Hai xente que aínda non sabe que Galicia é unha das rexións da Unión Europea europeas con maior grao de autogoberno. De feito, a Xunta é hoxe a responsable máxima dos servizos públicos máis importantes para os galegos, cunha administración central especializada en transferencias (pensións e prestacións) e a provisión de bens públicos clásicos, como a defensa nacional ou as relacións exteriores. Sanidade, ensino, servizos sociais, ordenación do territorio, infraestruturas, I+D+i... dentro da lexislación básica do Estado, os galegos temos amplo marxe para facer apostas selectivas, dedicar máis ou menos recursos a unha cousa ou outra, definir o xeito no que se prestan os servizos. Isto permítenos axustar mellor os servizos ás necesidades e demandas. Mais tamén fainos responsables primeiros do noso futuro. Somos responsables de atinar ou errar. E iso leva de seu a necesidade de pensar e debater con intensidade e rigor, con perspectiva de país; obriga a contar con medios de comunicación públicos e privados de calidade e plurais; a que no Parlamento vaia xente de primeiro nivel e con moitas ganas de traballar.

Tamén obriga á sociedade civil a facer o seu traballo e non desentenderse. Con esta vocación naceu o Foro Económico de Galicia alá polo ano 2010, grazas ao sólido apoio de Emilio Pérez Nieto e o Grupo Pérez Rumbao nun primeiro momento e moitas outras empresas e institucións máis adiante. O Foro acadou xa un rol protagonista en moitos debates e gañou a confianza de todas as forzas políticas, sindicatos, universidades e organizacións empresariais porque é compatible con todos eles e os complementa, dende a pluralidade, a independencia e o rigor. E o traballo, moito traballo colectivo, cuns froitos que se van atesourando na súa páxina web, de acceso libre: www.foroeconomicodegalicia.es Nesta traxectoria, os días 13 e 14 organizamos XII Reunión anual no Parador de Muxía. Cimeiras que só puido interromper a pandemia nos anos 2020 e 2021 e que, durante un par de días, fan da Costa da Morte o centro dos debates de fondo nos que Galicia non pode non posicionarse e tomar decisións. Este ano escollemos tres asuntos centrais: intelixencia artificial, transición enerxética e a lingua galega no eido económico. Mais a bo seguro que a convivencia plural e harmoniosa darán para moito máis.

*Profesor UVigo

Suscríbete para seguir leyendo