De bolina

A hora do leopardo

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Vai xa unha xeira –tempus fugit, ai!– que, no transcurso dunha conversa entre amigos, preguntaba este cronista a un seu antigo compañeiro de estudos –na actualidade, militar de prestixio e de alto rango nas forzas armadas españolas– arredor dalgunhas circunstancias do seu eido. Daquela, e a unha determinada altura da nosa parola, funo inquerir: “E dime agora unha cousa: para alén da, obvia, disparidade canto aos medios dos que dispoñen os uns e mais os outros, cal vén ser para ti a outra diferenza decisiva entre o exército norteamericano e mais o exército de aquí?”. Non demorou o meu interlocutor en darme resposta: “Pois máis alá dese apartado, evidente e que ti vés de sinalar, a principal diferenza entre eles e mais nós radica na experiencia de combate que eles acumulan desde hai décadas e da que da nosa parte, felizmente pero tamén determinantemente, carecemos”.

Segundo explican os especialistas na materia, desenvolvido en Alemaña a comezos dos anos 70 do pasado século e entrado en servizo por vez primeira en 1979, o Leopard 2 –a contar ao longo do seu traxecto con diversas variantes, velaí o 2A7V,cunha protección de 360º diante de mísiles antitanque, minas ou granadas propulsadas– vén resultar, senón o mellor, si que un dos máis destacados carros de combate do mercado mundial, situado por enriba do Lecrec francés, do Challenger2 británico, do Merkava IV, producido por Israel, ou incluso do M1 Abrams A2 estadounidense. Xa que logo, un vehículo moi capaz de competir e/ou superar con éxito no campo de batalla cos poderosos T-90 A que veñen equipar as brigadas acoirazadas rusas. Así as cousas, non falta xa quen ande a afirmar mesmo que, cos Leopard por diante, Ucraína podería pasar á ofensiva nun conflicto que semella, agora mesmo, estancado canto ás frontes abertas e mais o poderío real das forzas en litixio. En fin, Volodímir Zelenski e compañía estarían, entón, ás portas dunha escentilante victoria.

“Pero..,é de veras para tanto, a cousa dos Leopard?”, preguntarán(se), ao certo, uns cantos/bastantes de entre os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais. “E sobre todo –engadirán aínda os tales, acaso–, cando é que vai rematar esta guerra?”.

Sen dúbida, si que se trata dunha moi boa pregunta esa mesma arredor do momento en que pode concluír a contenda entre rusos e ucraínos. Da miña parte, e moi lonxe de contar entre os meus saberes con aqueles referidos ás estratexias bélicas e/ou ás disposicións dos políticos e militares ao mando en Kíiv, Moscovo ou Washington, si que me atrevín a escribir, non obstante e neste mesmo lugar e a comezos do pasado verán, que me parecía atopar determinados paralelismos entre a presente conflagración e aqueloutra vivida en terras de Corea por volta de xuño de 1950-xullo de 1953. O que é máis, e sen tampouco pretender ningunha cualidade profética, lembro ben que fun adiantar que, se cadra, o remate de ambos litixios tamén podería devir semellante: isto é, sen vencedores nin vencidos diáfanos –un statu quo ante bellum– e si con millares, sempre demasiados millares, de mortos polo medio. “Pero… e os Leopard?”, retrucaran algúns/algunhas, “entón, para que demo os queren enviar agora a Ucraína?”.

"Acontece que, se todas distintas, todas as guerras deveñen iguais"

Se ben que cara ao final da Segunda Guerra Mundial xa se dispuxeran os primeiros deseños de cazas propulsados por turborreactores, as súas verdadeiras capacidades só se revelaron efectivas cando os F-86 Sabre norteamericanos e mais os MIG-15 soviéticos se foron encontrar cara a cara nos ceos coreanos, configurando un dos enfrontamentos máis célebres da historia militar. Un episodio ao que se pode agregar, desde logo, esoutro dos bazucas –ou bazookas–, os cales, por máis que (re)deseñados asemade por volta de 1944-45, tan só se popularizaron durante a referida contenda. En fin, o carro Centurion MKIII do Reino Unido, esoutro T34-85 da URSS… a listaxe das armas que, aínda que concibidas con anterioridade, desenvolveron ao certo os seus poderes destrutivos en Corea, resulta máis que ampla. En todo caso, leccións aprendidas despois de vertidos litros e mais litros de sangue.

Se os Leopard deveñen, ou non, determinantes na guerra de Ucraína, iso é algo que poderemos comprobar, e tanto, nos próximos meses. Como ben pode acontecer que así mesmo teñamos de saber da eficacia real dos últimos modelos de F-16, desoutra dos Eurofighter Typhoon ou daqueloutra dos Gripen suecos. E é que unha cousa está –e por moi sofisticados que sexan os equipos de simulación dispostos– en ensaiarmos, examinarmos… comprobarmos en tempos de paz as competencias dos arsenais e outra, moi diferente, ter que resolver e avaliar no medio e medio do fogo inimigo. En fin, volvendo ao inicio destas liñas, configurar con certeza toda “unha experiencia de combate”. Porque acontece que, se todas distintas, todas as guerras deveñen iguais.

Suscríbete para seguir leyendo