Apousentando sombras

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Atribúese a feliz expresión “apousentar sombras”, según me conta Ferrín, a Filgueira Valverde cando amistosamente preguntado sobre a museografía do camarote de Méndez Núñez do Museo de Pontevedra confesa ter pasado a vida apousentando sombras nas salas do tan visitado espazo. E “apousentar sombras” é o destino acaído para todos os que, con maior ou menor fortuna, se dedican a rescatar nomes de persoas naufragadas e esquecidas no mar da historia das numerosas exclusións xeradas pola intolerancia política e relixiosa: xudeus, humanistas, moriscos, ilustrados, liberais, masóns, comunistas... ata chegar ao masivo exilio dos republicanos de 1939. Exclusións históricas que son tamén o termómetro que aquilata e mide o grao de intolerancia acadado nun país chamado España que segue a proclamar, con preocupante rutina, unha unidade forxada sobre a negación e a prohibición.

Entre os exiliados de 1939 os primeiros recuperados do esquecemento, que foron “apousentados” na historia da que foran expulsados, serán os escritores, pintores, escultores, compositores, profesores e intelectuais. Pero a cultura do exilio, parafraseando a Ferrándiz Alborz, non é soamente o libro que se escribe, o cadro que se pinta ou a escultura que se modela. É tamén o campo que se labra, o ferro que se forxa, o motor que se repara ou o barco que trae diariamente o peixe para porto.

Entre os aproximadamente 2.250 exiliados galegos, 115 son da comarca do Barbanza dos que 9 son rianxeiros de nación: Castelao, Dieste, Candidito, Xermán Rañó, Mariano Otero Castelao, Xosé Figueira Somoza, Euxenio Figueira Dourado, Manuel Sende Suárez e Xosé Eiras Vicente. De entre eles Castelao e Dieste, con cadansúa praza no centro da vila, son dabondo coñecidos entre outras razóns por ter unha obra artística e literaria de sona. Os demais, como diría Valle Inclán, son actualmente “sombras nas sombras dun curruncho”. Tal é o caso de Xermán Rañó, un emigrante en Rosario (Arxentina) cando comeza a guerra civil en xullo de 1936. Chegara a ese país, como tantos outros rianxeiros, sendo moi mozo, no ano 1932, na compaña do seu pai, Xosé Rañó, que fora redactor de El Barbero Municipal, onde adoitaba asinar como Pum ó lado de Castelao, Rey Baltar, Eduardo Dieste, Arcos Moldes, etc. O seu avó, tamén chamado Xosé, foi un xastre ilustrado que lle escribiu a Murguía en galego, para dicirlle, entre outras valiosas informacións, que estaba orgulloso de Galicia e da súa historia.

Xermán Rañó decide volver a España para defender á República alistándose como voluntario. En 1939, seguindo os pasos do derrotado exército do Leste, acaba nos inhóspitos areais de Saint Cyprien en condicións preocupantes. Non teñen máis refuxio que unha manta e uns tablóns que lle proporcionan os seus guardiáns. Unha mínima alimentación, a falta de hixiene, e as condicións precarias de todo tipo provocaron moitas baixas nas ringleiras dun exército vencido.

Neste terror da praia de Saint Cyprien, nos Pirineos orientais, preto de Poitiers, están datadas as primeiras cartas que Xermán Rañó dirixe ó tamén rianxeiro Rafael Dieste, compañeiro de infortunio que acababa de abandonar o mesmo campo grazas ás xestións da Asociación de Escritores Franceses.

Xermán Rañó e Bernardo Clariana non sairán de Saint Cyprien ata o mes de maio de 1939. O rianxeiro ó chegar a México, onde se afincará, vai desenvolver unha gran actividade societaria e cultural a través da secretaría de relacións do Patronatoda Cultura Galega, na súa etapa máis dinámica, na década dos cincuenta

Durante máis de vinte anos colaborará na audición radial “La hora de la cultura gallega” onde comenta obras de literatura, exposicións e actos culturais. Sen esquecer endexamais o seu Rianxo natal, casa o 12 de xullo de 1952 con Elma Seedorf, de orixe alemá, de Bremen concretamente. Terán catro fillos que estudian no colexio hispano-alemán da capital mexicana e consegue, a través dunha empresa propia, importadora de instrumental médico e quirúrxico, unha pequena fortuna que lle permitirá visitar España a partir de 1963 con certa regularidade. Nunca deixou de ser en Rianxo unha sombra mal apousentada.

Suscríbete para seguir leyendo