ao pé do farelo

Xeración perdida

Ángel Utrera Baza

Hai uns anos, co gallo da entrega do Premio Cervantes, o escritor Eduardo Mendoza deixábanos para a reflexión o seguinte comentario: “Asisto perplejo, atemorizado y muy descontento a lo que día a día está ocurriendo a nuestro alrededor”.

Eu recoñezo que, pouco máis ou menos ca el, síntome igual de confuso e descontento polo que estamos a ver un día si e outro tamén: mentiras, enganos, falsidades, as famosas fake news, como din agora, os bulos interesados, o culto desenfreado polo poder e os cartos, a falla de solidariedade, se non é para vender mísiles, a manipulación interesada da realidade, a destrución da historia reescribíndoa o gusto e maneira de cada quen segundo se trate e lle vaia a feira.

Eu boto de menos aqueles tempos nos que aínda nos falabamos dende as cabinas telefónicas e utilizábamos os mapas de estradas para ir dun lugar a outro sen présas. Seguramente tardábamos moito máis, pero alomenos iamos parando en lugares e admirando e aprendendo e compartindo cousas doutras xentes, pobos e vilas e non precisábamos GPS, nin Google Maps, nin tablets, nin móbiles para o noso día a día, e aínda así eramos felices.

Nin por asomo imaxinamos un tempo e unha sociedade na que as redes sociais ían condicionar e marcar a nosa forma de actuar, pensar e comportarnos. Xamais puidemos pensar nas miles de cámaras de vixilancia, nos sistemas de identificación facial, os análises de ADN capaces de dar e quitar parentescos coma se nada e tantas e novas formas de control e dirección das nosas vidas coas que convivimos e sen decatarnos delo condicionan o noso ser. E fannos moito máis felices? Eu diría, sen medo a trabucarme, que de ningunha maneira. Polo contrario, lévannos por unha calella escura chea de amargura e sen sabores, odios e tristuras, na que tanto tes, tanto vales, e o medo e a insatisfacción sonche lei.

Xamais puiden supor que algún día nos ía tocar o gordo da lotaría, en forma de confinamento, pandemias, estraños virus saídos Deus sabe de onde. Guerras na que a inmensa maioría de nós non estamos interesados, nin comprendemos, pero que nos meten polos ollos ao mesmo tempo que o café de acordar pola mañá antes de ir cara o traballo, os que aínda teñen sorte de conservalo, coa escusa da democracia e a liberdade. Pero, curiosamente, cada vez temos menos de todo. E todo elo sazonado co dislate duns políticos profesionais tan so interesados nos seus petos e que, sen escrúpulos, pactan, menten, transforman, como frautistas de Hamelin, o negro en branco levándonos cara o precipicio, porque agora resulta que somos demasiados habitantes para este planeta que xa non soporta máis maltrato.

Xa lles digo, cada vez máis boto de menos o felices que eramos os da miña xeración perdida, co pouco co que nos conformabamos.