Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Peixe da lonxa de Vigo

Quen é esa muller de pel escura que pasa ergueita por onda os Peiraos do Berbés cunha carabela de miudenzas africanas á cabeza? Ela obrígame a formular estoutra pregunta: Cando desapareceron de Vigo as peixeiras de patela á cabeza, ateigada de xouba? O hábito de as mulleres cargaren cousas á cabeza orixinouse no neolítico, segundo nos ensinara Carlos Alonso del Real. Estou agora no canto Sur da Ribeira do Berbés, ao que abría antanto as súas portas o casa Si ou (Se) Podo. Era, esta, unha baiuca escura a alongada a cuxas paredes estaban fixados exemplares de serpes mariñas e outros extraños seres das profundidades.

A Ubano Lugrís encantáballe o Si Podo. E tamén o frecuentaban Bernardino Graña e Alexandre Cribeiro antes de colleren o vapor de Cangas.

"Cando desapareceron de Vigo as peixeiras de patela á cabeza, ateigada de xouba?"

decoration

Nun dos chabolos (con licencia de apertura nocturna) do muro de San Francisco, hoxe limpo de adherencias, non sei se no Imperio ou no Celta, o taberneiro, melómano, facía soar Beethoven durante toda a longa noite de traballo e lecer en que funcionaba a Lonxa de Vigo. Alguén dixo unha vez que a noite do Berbés traía farrapos da película “Quai des Brumes” (non da novela de Mac Orlan) sobre todo polo tranvía que pilla Michelle Morgan de mañá cedo. Paso a lembrar o tranvía número 4 de Vigo, de cuxa existencia real moitos dubidaron no pasado. Até que o sentiron renxer, coma no poema de Celso Emilio, “fe, fe, ferrové” pola Ribeira do Berbés. Xan non hai pescas (como se di na Costa da Morte) coas súas patelas de aquí para alá nas docas, nin carrexonas, nin cacos bébedos sosténdose nos farois tan el coma foron pintados por Bao nos muros da Gazpara. O marcador automático da lonxa de baixura sigue a fascinarnos igual ca nos días da nosa nenez.

Esta e outras lembranzas da infancia e mocedade, véñenme desordenadamente ao ler un libro de relatos cuxa referencia é esta: Fernando A. Fernández Domonte, Contos da Beiramar, Editorial Elvira, Vigo, 2021. Nesta colección narrativa, o universo complexo, mesmo inapreixíbel, da pesca e das xentes do mar, en Vigo e en Galicia, convértense en literatura de alta calidade coa mesma forza con que a Navegación de San Brandán atraeu as imaxinacións medievais de Europa. Segundo leo na prensa, vai ser creada a identificación de calidade que, cun selo e unha divisa en galego dereito, rezará así: “Peixe da lonxa de Vigo”.

Compartir el artículo

stats