Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

‘Girls just wanna have fun’

“Intimidad”, unha creación de Laura Sarmiento e Verónica Fernández, estreouse este verán en plataformas e foi unha das series revelación da temporada. En oito capítulos narra as consecuencias e o drama do acoso dixital, máis preto da realidade ca da ficción. Son historias entrecruzadas de varias mulleres que asisten ao afundimento das súas imaxes públicas a raíz dunha violación da intimidade. Ambientada en Bilbao, unha das protagonistas é Malen (Itziar Ituño), unha política candidata á alcaldía cun futuro prometedor que ten que enfrontarse á presión dos seus compañeiros de partido tras a filtración dun vídeo seu de carácter sexual. Lembran a Olvido Hormigos? Non hai tantos anos era concelleira socialista en Toledo. Dimitiu despois da difusión dun vídeo de carácter persoal. Peor desenlace tivo a experiencia de Verónica, a traballadora de IVECO, nai de dous fillos, que se suicidou no 2019, despois de que un vídeo con contido sexual gravado anos atrás fora difundido de xeito masivo entre os traballadores da súa empresa. A policía que investigou o caso determinou que as imaxes puideron chegar a máis de 200 traballadores. Verónica acudiu á dirección de Recursos Humanos de IVECO para alertar da situación de acoso e vergoña que estaba a sufrir pedindo que parasen o linchamento, cousa que non sucedeu. O vídeo chegou o seu marido e ela acabou coa súa vida. En “Intimidad” relátase o caso de Ane (V. Echegui). Tamén se suicida despois da difusión dunhas imaxes de carácter sexual que viraliza unha exparella. A historia está narrada con tanta verdade que resulta estremecedor. Seguramente porque é inevitable poñerse no lugar de Verónica.

‘Girls just wanna have fun’.

‘Girls just wanna have fun’.

Desde o ano 2015 o Código Penal castiga con pena de prisión ou pena de multa a quen, sen autorización, capte, difunda ou revele gravacións ou imaxes cando a divulgación menoscabe a intimidade persoal da persoa afectada. Porque unha cousa é o sexting, obter imaxes co consentimento da outra persoa, e outra moi diferente a súa difusión. Un dos xeitos máis crueis de vinganza é a vinganza pornográfica, unha forma de represalia que constitúe un delito.

Neste mes de agosto fixéronse virais unhas imaxes de Sanna Marin, primeira ministra de Finlandia. Difundiuse un vídeo privado gravado nunha casa onde se celebraba unha festa, onde a ministra aparece bailando. Sanna Marin tivo que someterse a un test antidrogas pola presión da oposición despois dunha serie de acusacións públicas que afectaban á súa reputación. “Pasei unha noite con amigos, consumiuse alcohol, pero non consumín drogas nin presenciei o consumo de drogas por parte doutras persoas”. “Paso o meu tempo libre igual que outras persoas da miña idade. Agardo que iso sexa aceptado”. “Vivimos nunha democracia”, expresou Sanna nunhas declaracións a unha cadea de televisión. O vídeo foi filtrado no medio do proceso da entrada de Finlandia na OTAN e, unha vez máis, é unha vulneración da intimidade dunha muller para menoscabar a súa imaxe pública. No vídeo de Sanna Marin, a diferenza dos anteriores, non existe contido sexual. Tan só é unha muller, a persoa máis nova que ocupou a xefatura de goberno da historia de Finlandia, divertíndose. E divertirse si que non é delito.

Compartir el artículo

stats