Ao longo da súa historia Galicia conta cunha morea de persoas, moitas delas aínda non rescatadas, que se entregaron totalmente e dunha forma encomiable, a procura dunha labor social, humana e da cultura de noso. Son esas persoas que cando chega o momento de homenaxealas sempre proclamamos que foron “Boas e xenerosas”. É o caso de Alfonso Zulueta de Haz (Vigo, 1924 - 2017) e a súa dona María Teresa Fernández Cabaleiro (Vigo, 1927 - 2020).

Abofé, un matrimonio elegante. Persoas cultas, refinadas e delicadas, que raramente atopamos hoxe en dia. Na década dos anos 70, 80 e 90 con elas participamos e traballamos a reo nesta cidade, a través da que fora a Coordinadora Pro-deficientes, que poucos anos despois se convertería na Federación Pro-deficientes de Pontevedra (FADEP), e xermolo da Fundación Tutelar Galega “Sálvora”, creada e presidida desde 1990 por Zulueta ao que hoxe lle rende homenaxe. Foron moitas as actividades en forma de xornadas, conferencias, mesas redondas, seminarios e congresos, realizados pola FADEP, e que continuaron posteriormente coa Fundación Tutelar Sálvora.

Alfonso e Teresa xa fundaran na década dos 60 a Asociación Juan XIII de Pontevedra, para persoas con discapacidade, ao tempo que Alfonso presidía o Ateneo de Pontevedra (1966), nun momento político convulso e represivo, desenvolvendo unha intensa labor cultural e sempre ameazada de peche.

Porén, a implicación social deste matrimonio exemplar, xa lle viña de lonxe. Sendo notario en Gaucín (Málaga), mostraran unha gran entrega e sensibilidade cos máis necesitados e combatendo o analfabetismo. Acosados polo franquismo, rememorarían como o capitán da Garda Civil, co cal tiñan unha certa amizade, lles advertirá de que lle abriran unha ficha no cuartel que, pouco despois lle retirarían.

Con motivo do seu ingreso (2007), no Instituto de Estudos Vigueses, Zulueta sinalou que: “a cultura non é un adorno, senón un poder impresionante, que supón un concepto que lonxe de ser propio dunha elite, pertence a sociedade e o abarca todo: costumes, ideas, crenzas...”.

Defensores da Fundación Penzol e o seu legado Zulueta nunha entrevista concedida a Faro de Vigo comentaba en 2012 que: “a Penzol é parte da historia de Vigo e aquí ten que seguir e medrar, invitando aos posuidores de bibliotecas familiares a doar os seus tesouros a entidade en lugar de deixalos emigrar a impoñentes instalacións”. Sobre a grave crisis de valores da sociedade actual, pensaba: “que só podería salvarnos unha auténtica aristocracia do espírito fronte ao egoísmo arrogante dos poderosos que nos dominan”.

Presidente do Consello da Cultura Galega (2002-2006), e Medalla de Ouro de Galicia en 2013, politicamente, Zulueta, pertenceu en 1974, ao Partido Galego Social Demócrata (PGSD) e exerceu como o seu vicepresidente ata 1978 ao se unir co Partido Popular Galego para dar o paso ao Partido Galeguista.

Comprometidos na defensa do galeguismo e como católicos practicantes, tiñan o compromiso da galeguización da Igrexa. Con Xaime Illa Couto, Agustin Sixto Seco e outros editarían a Biblia en galego a través da editorial SEPT (1989), que consideraron como a obra mais fermosa da súa vida.

Teresa e Alfonso fixeron patente, a súa filantropía axudando sempre desinteresadamente aos mais necesitados, loitando constantemente polos dereitos e a autodeterminación das persoas con discapacidade e o das súas familias, xeraron conciencia social, fixeron que o invisible fora visible e comprometeron ás forzas políticas e sociais no reto da igualdade.

Teresa, cando enviuvou (2017), asinou a doazón da biblioteca persoal do seu marido a Fundación Penzol, con: 418 libros, entre eles un exemplar único de “Sempre en Galiza” de Castelao, asinado polo propio autor; unha colección de medallas de prata conmemorativas do Día das Letras Galegas, e unha reprodución do mapa que Domingo Fontán entregou en 1834 a raíña María Cristina de Borbón e que permaneceu exposto permanentemente nas instalacións da Casa da Cultura.

*Membro do padroado de Fundación Sálvora