Opinión | TRIBUNA LIBRE

Mª Carmen Seijas*

Todos xuntos somos máis fortes que ninguén

Hai veces ao longo da vida nas cales as mostras de afecto e agarimo que recibes son tan grandes que te das conta ao instante de que non vas poder agradecelas suficientemente nunca. Xa cando ese agasallo en forma de apupos veñen da túa veciñanza, o agradecemento que sentes tórnase co paso das horas en responsabilidade e, sobre todo, nunha débeda que so podes tentar pagar en forma de traballo e máis traballo.

Isto foi o que me pasou a min, e creo falar tamén no nome de todos os meus compañeiros, o pasado sábado no Auditorio Manuel Costa Casares durante a celebración do IV Congreso do Partido Popular de Agolada. Alí, houbo moito máis que un congreso, produciuse dun xeito natural e espontáneo unha cadea de afectos que partían dunha única orixe, que é a de loitar contra a inxustiza, a falta de transparencia e a división entre os veciños que o actual alcalde está creando no pobo, e que tiña unha única meta, devolverlle o Concello de Agolada á súa xente logo de tres anos onde a mesma é o menos importante.

Non vou empregar unha soa frase máis neste escrito para opinar do actual goberno, porque, con sinceridade, o sábado viuse que non merece a pena e que a xente quere xa falar de proxectos de futuro e esquecerse canto antes do actual presente, que pronto esperamos sexa pasado. O sábado puidemos comprobar que o equipo de homes e mulleres que me acompañan na executiva do partido non estamos sos neste percorrido en busca da normalidade e da boa xestión que o noso Concello necesita, démonos conta de que o pobo de Agolada suspira polo cambio e, sobre todo, percibimos que moita xente vai arrimar o ombreiro ao noso lado para voltar á senda do progreso e a modernización.

Quixera dicir moitas cousas, e quixera agradecer a moita xente o seu apoio incondicional, pero tempo teremos de facelo un por un con cada veciño que, día tras día, e non so o sábado, nos está dando unha palmadiña nas costas e un alento de ánimo, pero sei que non chegarían as páxinas do periódico para expresar o que o noso equipo sinte e o moito que nos enche o saber que contamos coa confianza da xente. So vou, iso si, reflexar unha parte do meu discurso do sábado, porque creo que o mesmo conta ben e claro que é o que queremos, e porque o queremos: “Grazas por confiar en min e no resto do equipo, pídovos que vos ilusionedes con nós, que traballedes con nós, que fagamos entre todos cada vez un equipo máis forte, máis unido e máis comprometido se cabe con noso futuro, con isto dámonos por satisfeitos”.

Non podo esquecer tampouco o apoio incondicional dos compañeiros do PP comarcal, os alcaldes e portavoces de Deza, todos eles presentes, de membros recoñecidos do PP galego como Valentín García (secretario xeral de Política Linguística), Susana López Abella (secretaria xeral de Igualdade) ou Marta Fernández (delegada territorial de Vigo), do conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, do delegado territorial de Pontevedra e veciño tamén Luis López, da presencia tamén dun referente para todos nós na política nacional como é Ana Pastor, de persoeiros tan importantes na política galega e que tanto camiño abriron na nosa autonomía como Víctor V. Portomeñe ou Xesús Palmou. A Ramiro Varela, exalcalde e dende o sábado presidente de honra do PP de Agolada non nos chegan as palabras para facerlle chegar o noso agradecemento polo seu apoio e consellos. E, xa por último, a Alfonso Rueda, presidente provincial do PP e futuro presidente da Xunta, que dende sempre amosou un compromiso absoluto con Agolada, e que referendou acudindo a este congreso so un día despois de presentar a súa candidatura ao PP de Galicia.

Remato estas verbas, como rematei a miña intervención no congreso porque non atopo mellor xeito de resumir a importancia de este gran dia para a familia popular de Agolada: “Imos recuperar a Alcaldía de Agolada, imos voltar a ver o noso Concello na prensa por cousas boas, ímolo conseguir e ímolo conseguir so por unha cousa, porque todos xuntos somos máis fortes que ninguén”.

*Presidenta do PP de Agolada