Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

A conquista máis fermosa

Unha das efemérides máis importantes para quen nos dedicamos ao oficio de escribir é o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, declarado pola Unesco no ano 1995. O 23 de abril semellaba unha data perfecta por coincidir coa morte de tres autores que deixaron un importante legado. Tres nomes que brillan na literatura universal: William Shakespeare, Miguel de Cervantes e Garcilaso de la Vega.

Os días previos ao 23 de abril son moi bonitos, sobre todo cando visitas escolas. As aulas e as bibliotecas escolares son coma as árbores na primavera. Os pequenos lectores rebentan, igual que as flores que saen dos gromos despois da caída da folla e das xeadas. Sinto que o último inverno durou dous anos e que agora si, por fin, está a levantar a néboa e o frío, malia que aínda haxa poucas caras ao descuberto (as escolas non recibiron instrucións da Xunta de Galicia e, salvo excepcións, seguen imperando as máscaras porque o profesorado descoñece cal é a norma que deben seguir). Esta semana visitei moitas escolas e as nenas e nenos non paraban de pedirme recomendacións. A pregunta máis popular é: “cal era o teu libro preferido cando eras pequena?” Nunca dou unha resposta única. Gústame mencionar títulos de libros que sei que coñecen porque iso fainos sentir importantes e implicados co que lles estou a contar. Por esa razón, entre as miñas recomendacións nunca faltan títulos de Roald Dahl: As bruxas, Matilda ou Charlie e a fábrica de chocolate. Sempre berran e aplauden, estes títulos non fallan xamais. Gústame moito falarlles de Gloria Fuertes e recitarlles algún anaco daqueles poemas que tanto me fascinaban de nena (e tamén de adulta, as cousas como son): “Pienso mesa y digo silla/compro pan y me lo dejo/lo que pienso se me olvida/lo que pasa es que te quiero”. Escoitan con atención, coma se estivese a darlles a fórmula secreta dun conxuro. Nunca esquezo mencionar algún título galego: Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, que é un dos libros da miña vida, algún título recente de literatura infantil coma Cando leo, un álbum ilustrado sobre o amor pola lectura escrito por Eva Mejuto e debuxado por Bea Gregores e algunha obra traducida que me roubase o corazón nos últimos tempos, que é o que sucede con Tania Valdelumbre, da escritora norueguesa María Parr, unha obra tan deliciosa coma o seu popular Corazones de gofre, publicado ambos os dous por Nórdica cunha edición exquisita e ilustracións de Zuzanna Celej. Pero o que máis me gusta de todo é cando son eles quen me recomendan a min. Porque, malia que sempre se estea a repetir iso de que “as nenas e os nenos non len”, o certo é que eu descubro grandes libros grazas a eles. Ás veces penso que as persoas adultas non escoitamos o suficiente ou non prestamos a atención que merecen. Sexa como for, ler é unha conquista. Unha fermosa conquista.

Compartir el artículo

stats