Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

As outras bágoas da guerra

Todas as guerras deixan imaxes desoladoras: o estoupido das bombas, edificios convertidos en po, cadáveres nas rúas, nenos coa cara empapada en bágoas abrazándose a si mesmos no medio dunha ruína... Resulta moi difícil dixerir estas instantáneas. Tanto que adoitamos sentir a necesidade de pechar os ollos ou cambiar de canle. Durante a recente catástrofe de La Palma descubrín que había xente que retransmitía o ruxido do volcán en directo, a través das redes sociais. O Cumbre Vieja bramaba coma unha criatura famenta e endiañada. Houbo tamén quen retransmitiu a chuvia de cinsa e a traxectoria da colada de lava. Impresionábame ter a oportunidade de ver, a través de Tiktok, a desgraza minuto a minuto. Sei que sucede o mesmo en Ucraína. Que vivimos nun momento en que podemos asistir ao directo dunha guerra, para ben e para mal. Pero alén disto, gustaríame falar dunhas imaxes que representan xusto a outra cara da moeda. Desde o inicio da invasión máis de 400 empresas abandonaron Rusia. Nun intento de cercar a economía do país, deixaron de operar alí compañías coma McDonalds, Coca-Cola, Danone, Inditex, Apple... E tamén outras relacionadas coa banca, coma Visa, Mastercard ou American Express. Xa non é posible levar a cabo transaccións con Rusia a través destas tarxetas. Tampouco se poden realizar pagos a través da plataforma PayPal. A listaxe de empresas que optaron por este método de bloqueo económico foron medrando a medida que avanzaban os días. Un dos anuncios que provocou unha reacción sorprendente foi o peche de Instagram incentivado por Vladimir Putin. O argumento para a cancelación é que Meta Platforms permite publicacións que incitan odio e violencia contra os militares rusos. O Kremlin deu 48 horas para que as persoas usuarias desta rede social puidesen despedirse. O mesmo sucedeu con Facebook e Twitter. Nese momento desatáronse as protestas de influencers que crean contido en Instagram compartindo publicacións patrocinadas por distintas marcas. As bágoas da modelo e cantante Olga Buzova, unha figura mediática con máis de 23 millóns de seguidores, provocaron todo tipo de comentarios. Na súa despedida da popular rede social, entre saloucos, declarou o seguinte: “Non teño medo de admitir que non quero perderte. Descoñezo que me depara o futuro. Non o fixen coma un mero traballo, isto forma parte da miña alma. A miña vida está a serme arrebatada”.

Se viaxamos ao ano 1985 e pensamos o que aconteceu durante a Perestroika lembramos os primeiros concertos de rock na Praza Vermella, pero tamén a chegada da Coca-Cola, dos Levi’s, de McDonalds... Estas marcas, que no fondo forman parte da esencia do capitalismo, levan alí o tempo suficiente como para facerse imprescindibles para a cidadanía. Moito se ten falado nas últimas semanas do medo a unha bomba atómica. A desaparición de todas estas comodidades, tan integradas nas vidas das persoas, en Rusia está a ser vivida así: coma unha auténtica bomba atómica.

Compartir el artículo

stats