Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Esta reforma laboral non deixa ninguén atrás

Grazas a moitas compañeiras e compañeiros que loitaron sen descanso durante varios anos, estamos ás portas dun novo escenario para o mundo laboral. As Comisións Obreiras somos partícipes da elaboración dunha reforma de gran calado, dunha lei que modificará distintos aspectos e artigos da lexislación laboral para beneficiar a clase traballadora. Voume centrar en tres elementos.

Primeiro, a recuperación da ultraactivade dos convenios, isto é, que sigan tendo efecto mentres non se asine a súa renovación. Recuperándoa, as empresas non poderán xogar cos tempos de maneira tramposa para dilatar as negociacións e rebaixar de facto as condicións laborais.

Segundo, a profunda modificación dos contratos temporais. Elimínase o contrato de obra ou servizo e pónselles couto, tamén, aos contratos por circunstancias da produción. Son elevadísimas as porcentaxes de traballadores e traballadoras que entran e saen das empresas durante anos sen albiscaren unha estabilidade que lles permita adoptar decisións sobre o seu proxecto de vida. Esta temporalidade, ademais, prexudica de xeito maioritario as mulleres, polo que a reforma ten un claro nesgo de xénero que as vai beneficiar.

Terceiro, a prevalencia do convenio colectivo de sector en materia salarial –salario base e complementos–. Nas restantes cuestións segue prevalecendo o de empresa, pero a ninguén lle pode escapar que o nó gordiano que permitiu a tremenda desvalorización dos salarios foi xustamente a primacía do convenio de empresa no plano salarial.

Ademais, temporalidade e prevalencia teñen un efecto directo sobre as indemnizacións. Quen vai ter unha compensación por despedimento se toda a vida foi temporal? Se nalgún momento chega a ser indefinido ou indefinida, que cantidade obtería cos salarios misérrimos que temos?

Por todo isto, a premisa fundamental deste amplo proceso de diálogo social é o incremento salarial, tanto na negociación colectiva –nas empresas e sectores– como mediante o aumento do salario mínimo –un dos nosos obxectivos para este comezo de ano é que volva subir o SMI.

Respectamos as opinións críticas coa reforma, pero o noso obxectivo é mellorar as condicións de vida da clase obreira. Quen se opón a este cambio e aos beneficios que virán da súa man deberá explicar que interese ten en manternos coa lexislación laboral imposta hai unha década polo Goberno de Rajoy. O mundo non se rexe por dinámicas de todo ou nada. As decisións que toma CCOO sempre son de ponderación, facendo prevalecer o interese xeral, especialmente cando vai beneficiar os colectivos en peores condicións.

A reforma tamén significa compasar a nosa normativa laboral cos cambios que se están producindo no mundo do traballo. As empresas sempre procuran mecanismos para non asumiren riscos ou traspasarllos á parte máis débil da cadea. De aí a nosa campaña dos últimos anos contra os falsos autónomos nas cárnicas, ou o asinamento da chamada lei rider.

Os dereitos, nin choven do ceo nin son eternos; todas as xeracións debemos seguir empurrando, como Sísifo, a nosa propia pedra, para impedir que caia sobre nós. As CCOO seguirémolo facendo para que ninguén quede atrás.

*Secretaria xeral do Sindicato Nacional de CC OO de Galicia

Compartir el artículo

stats