Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Cancións de Xela Arias

A pasada semana celebrouse a terceira e derradeira sesión do Simposio Xela Arias co que a Real Academia Galega pecha as actividades do brillantísimo ano dedicado a homenaxear a escritora viguesa. Un serán literario no que se abordou a súa actividade profesional como editora e tradutora pioneira e na que se salientou o seu carácter como artenauta interesada polo diálogo creativo da poesía con outras artes. Unha pulsión interartística iniciada coas primeiras colaboracións de Xela Arias cos pintores Xosé Guillermo e Pedro Sardiña nas páxinas dos xornais ‘A Nosa Terra’ (1982) e FARO DE VIGO (1984), ampliada coas letras que escribiu para o grupo vigués de rock Desertores, na segunda metade da década de 1980, que chegaría ao seu cénit no libro e na exposición “Tigres coma cabalos” (Xerais 1990), o seu traballo a medias co fotógrafo Xulio Gil, e que tería o seu ramo coas colaboracións con Jandro, autor da escultura do vendedor de xornais Manuel Castro da rúa do Príncipe, no marco das mobilizacións de Burla Negra (2003), co pianista Alberto Conde (1999), co compositor Antonio Pulido Cid (2000) e co clarinetista Fernando Abreu (2003) cos que ensaiou diversas performances sobre os textos de “Intempériome” (Espiral Maior 2003, Xerais 2021), o seu derradeiro libro de poemas.

Diálogos creativos nos que Xela se achegou ás linguaxes da ilustración, da pintura e escultura, da música e da fotografía, tamén en menor medida e de forma máis ocasional do audiovisual e do teatro, coa intención de espallar o poema fóra dos límites do libro de papel, rebotándose contra a concepción do libro como un cadáver nun anaquel, explorando nos seus numerosos recitais até onde podería chegar a comunicación poética. Unha actividade literaria expandida e hibridada pioneira, rabiosamente contemporánea, na que a autora de “Denuncia do equilibrio” (Xerais 1986) arriscou a explorar con escasos complexos as posibilidades creativas achegadas por estas disciplinas no seu diálogo co texto poético, coa idea, nas súas palabras, de abordar dende unha posición de rebeldía a que entendía como “a única revolución pendente: a revolución dos afectos”. Unha revolución creativa insurxente que xa emerxía nos seus primeiros poemas publicados en FARO DE VIGO e fancines como ‘Katarsis’ nos que experimentaba de forma provocadora coa disposición dos elementos gráficos e o manexo dos espazos, unha forma de indagación que, como sinala a profesora Chus Nogueira, editora da “Poesía completa” (Xerais 2018), expresaba un rexeitamento a un concepto compracente de poesía que pon en dúbida a orde establecida.

“A escritora viguesa confesou que lle gustaría reencarnarse en ‘Lou Reed feminino’ e que se sentía ‘máis influída polo rock que polos poetas galegos’”

decoration

E como outra das serendipias afortunadas deste ano, coincidiu o remate do simposio de estudos xelísticos coa aparición nos andeis das librarías do libro-disco “Cancións” (Xerais 2021) no que a xornalista Teresa Cuíñas Lavandeira recompilou, traduciu para o galego e contextualizou na música do seu tempo as letras que Xela Arias escribira para Desertores. Un volume que inclúe unha gravación discográfica actual dunha ducia de temas con letras de Xela Arias, tanto os seis incluídos no primeiro disco do grupo, “El Desertor” (1991), os catro do segundo, “El vicio de la carne” (1994), como outros dous, “Detrás de ti” (“Boogie”) e “Nena alcohol”, que permanecían inéditos. Un traballo musical excelente do veterano grupo dos oitenta formado na actualidade por Humberto Díaz (Heredia), Juan Díaz, Valerio Araújo e Francisco Araújo, presentado en concerto no Auditorio de Chapela e no Culturgal desta fin de semana, cunha acollida entusiasta do público. Un libro-disco concibido como outra peza contra o esquecemento que actualiza aquelas cancións, cuxos textos Fernando Franco definiu “labrados na area da vida”, zumegando o aroma daquel Vigo húmido e revolcado, aquel “lixo de cidade”, ao que se refería en “Veña, brinca xa, que o imos rebentar”, noutra das letras inéditas escrita para Desertores.

A publicación deste coidado libro-disco de “Cancións” de Xela Arias, como a do anterior de “Intempériome”, que incluía a gravación do espectáculo “Vencerse é cousa de se tratar” de Fernando Abreu, no que tamén emancipaba os seus versos utilizando a música como recurso escénico, constitúe un afortunadísimo peche bibliográfico deste ano dedicado á autora que confesou que lle gustaría reencarnarse en “Lou Reed feminino” e se sentía “moitísimo máis influída polo mundo do rock and roll que polos poetas galegos”. Unha escritora na que descubrimos á Patti Smith das letras galegas, encarnando a fusión de poesía e o rock. Unha poeta na que toda comunicación con ela, en palabras de Teresa Cuíñas, “sucede no seu discurso do desasosego, experto nos confíns dos rueiros, efusivo, congruente, modelado consonte as súas inclinacións en cada momento e inseparable dos seus eixes vitais”.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats