Cal é o contido máis importante que unha escola pode ou debe transmitir? Hai quen dirá que as matemáticas, ou a lingua ou a xeografía. Cada reforma educativa supón un debate sobre materias, horas e contidos que deixa pouca marxe ao esencial: educar para unha sociedade máis xusta.

Unha das maiores inxustizas sociais é a violencia machista. Impide a vida en liberdade das mulleres. Emprega o medo para que as mozas non poidan camiñar soas de noite polas rúas, para que se dubide da súa palabra cando sofren violencia sexual ou para que se desconfíe das mulleres cando denuncian unha situación de acoso ou maltrato.

O 25 de novembro saímos a rúa para manifestarnos ou poñémonos lazos morados como símbolo do rexeitamento da violencia de xénero. Ese día recordamos o número de mulleres asasinadas ou a importancia de que existan leis específicas que recoñezan que a violencia machista é unha vulneración dos dereitos humanos. Lemos poemas e facemos exposicións nos centros de ensino, incluso, estou certa, de que todo o profesorado abordará o tema nas súas aulas. Aínda sendo todo isto moi importante, a pregunta é: que facemos todos os días? Como educamos as mozas, como educamos os mozos.

En demasiadas ocasións palabras como igualdade, diversidade ou liberdade fican plasmadas en documentos e non chegan ao interior das aulas. En demasiadas ocasións esquecemos revisar os nosos propios estereotipos de xénero cando impartimos unha materia e cremos que existe unha neutralidade nos contidos ou na linguaxe que empregamos. Non obstante, unha sociedade é machista porque todas e todos contribuímos a reproducir eses estereotipos, na maioría das ocasións de xeito inconsciente. Só temos que ver como infravaloramos os estudios máis feminizados, as tarefas de coidado ou as cousas que supoñemos son de nenas.

Con todo é iso, décadas de coeducación teñen conseguido que as nenas e as mozas rachen cada vez máis cos estereotipos e vexan un mundo amplo e cheo de posibilidades. Se cadra, agora é o momento dos nenos e os mozos. É o momento de educar noutra masculinidade, na que tamén quere un mundo cheo de posibilidades. Unha masculinidade que tamén chora, coida e non confunde amor con control.

A estrutura que mantén a violencia contra as mulleres é ese machismo cotiá de grandes e pequenas accións. O que persiste na fenda salarial, mais tamén na idea de que as chicas non son boas xogadoras de fútbol. Cambiar significa cambiar. Educar as nenas para vivir en liberdade implica que os nenos tamén sexan educados en respectar esa liberdade, a mesma que reclaman para si. Como educadoras e educadores debemos ensinar iso: que é a liberdade, que significa a igualdade ou porque o feminismo reclama un mundo libre e diverso.

A violencia machista non é cousa de mulleres, elas son as que a sofren. Erradicala é unha tarefa común. A dunha escola e dunha sociedade que eduquen desde a aceptación da diferenza e o rexeitamento da desigualdade. Tarefa nada fácil; para min a máis importante que se pode realizar nun centro de ensino. Pensar e debater sobre a violencia machista, o patriarcado ou os logros do feminismo nas escolas é unha forma de contribuír a erradicala, xa que, como afirma a filósofa Judith Butler, no seu último libro sobre a cultura da non violencia: “O pensamento non cambia o mundo, pero sen pensamento o mundo non cambia”.

*Catedrática de Filosofía

IES Politécnico de Vigo