Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Sastre no corazón

Morreu el e véñenme á memoria días de mocedade nos que vivín en Las Ventas del Espíritu Santo, Madrid. Daquela o Arroyo del Abroñigal era somentes unha canle seca que fora labrada, a poder de séculos, por turbións chuventos de verán. Alí inzara a poboación de nómades e míseros de todo tipo que Martín-Santos habería de inmortalizar en ‘Tiempo de Silencio’. Alfonso Sastre recibiunos no apartamento do Barrio de la Concepción no que residía, e deunos permiso para pormos en escena, so o parachuvas do TEU, o ‘Guillermo Tell tiene los ojos tristes’. Aquel infeliz grupo noso non conseguiu facer da obra nin mesmo unha sesión de teatro lido.

Sastre, dentro do PCE, polemizaba con Buero sobre o modo de decer o que houbese que decer a pesar de termos a censura franquista de proa. O noso dramaturgo, poeta, narrador, teórico, redactaba as famosas cartas de intelectuais que denunciaban a situación abxecta de España. Mesmo conseguiu que as asinasen notabilidades do sistema ou neutrais silenciosos até o intre, tal Torrente ou Cela. Fraga Iribarne odiou Sastre e acirroulle o seu Comité de Enlace, órgano de control da intelectualidade dirixido persoalmente polo futuro presidente da Xunta desde subterráneos do Ministerio de Información y Turismo, sempre en Génova.

Escribiu, e non sempre mirou representado, o mellor teatro crítico de ideas do noso tempo en lingua castelá

decoration

Sastre fixo seu (e ampliouno) o concepto de “compromiso” que elaborara o seu cuase homófono J.-P. Sartre. Asediado pola persecución, Sastre escribiu, e non sempre mirou representado, o mellor teatro crítico de ideas do noso tempo en lingua castelá. Alén diso, ás veces solicitado pola fantasía e o humorismo, narrou libremente. Coma se fose un distintivo xeracional, a dimensión existencialista latexaba sempre no corazón dos seus textos.

Axiña Sastre deixou o carrillismo e arredouse do eurocomunismo. O noso escritor xulgou que un modo de resistencia á Reforma borbónica posterior á morte de Franco podía consistir en autoexiliarse en Euskadi, onde viviu anos con Eva Forest, compañeira na vida e nos principios. Escritor de alta tensión estilística e dono dos recursos arquitectónicos necesarios para unha boa enunciación desde calquera xénero, Sastre acreditou na autonomía da función poética da linguaxe e na supremacía do realismo. Os seus achegamentos á figura de Bertoldt Brecht sitúan Sastre nos antípodes das versións compasivas do realismo socialista que foron alentadas pola crítica máis próxima á doxa literaria do PCE. E moitas cousas máis que non diremos hoxe na despedida definitiva a Alfonso Sastre cuxa memoria, sen embargo, nos deixa forte consolo aos que quedamos, por dicilo con palabras inmorredoiras de Jorge Manrique.

Compartir el artículo

stats