Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Xeografías de Javier Teniente

O pasado domingo pechou na Casa das Artes “Javier Teniente. Unha xeografía atormentada”, exposición na que o fotógrafo vigués, que iniciou a súa carreira en FARO DE VIGO e “Atlántico diario”, reuniu 180 fotografías entre os milleiros que tirou nas viaxes que dun extremo ao outro do planeta realizou nos últimos vinte e cinco anos. Comisariada por Jorge Lens, fotógrafo e profesor da Universidade de Vigo, a mostra de coidada presentación reúne unha ducia e media de reportaxes que como fotógrafo documental Teniente realizou en contornas de conflito, fosen guerras, éxodos ou desastres naturais, dende a primeira en Mauritania en 1998 cun contrato de Médicos sen fronteiras, que iniciou a súa colaboración con outras organizacións humanitarias internacionais como Médicos do mundo e Acción contra a fame. Sen ánimo de constituírse en retrospectiva, esta mostra moi completa ofrece tanto pezas de arquivo inéditas como outras publicadas en xornais e revistas nacionais e internacionais polas que o fotoxornalista vigués recibiu importantes recoñecementos como o Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria en dúas ocasións (2003 e 2005), o Premio Galicia de Comunicación en 2004 ou unha Mención Especial nos Premios Ortega e Gasset de xornalismo de 2006.

Teniente convida a empregar unha ollada reflexiva sobre cada unha das súas reportaxes, localizadas apenas cunha marca no planisferio e contextualizadas cunha breves liñas tiradas dos seus cadernos de viaxe. Seguindo os fíos cronolóxico e temático (como mellor conveña aos espazos expositivos) e fuxindo dunha ollada paternalista (eurocentrista) na abordaxe da pobreza e da dor, cada visitante pode reconstruír o relato das viaxes africanas do noso fotoxornalista. Saberá da vida e da morte no hospital Sabah de Nouakchott (1998), onde os doentes acoden a morrer acompañados só polos seus familiares que contemplan desesperanzados o que lles queda de vida. Coñecerá a precariedade de hospitais como o Oldeani de Tanzania (2001), o noxento comercio sexual en Senegal (2005) ou os efectos do ciclón Eline que en 2000 agravaron a crítica situación de Mozambique. Como extraordinarias son as reportaxes en Honduras (1998), Ecuador (2002), Nicaragua (2004), República Dominicana (2004) e, sobre todo, en Haití (2004), durante os días posteriores á sublevación contra o presidente Aristide, no que morreu o seu compañeiro Ricardo Ortega, a quen o noso correspondente acompañaba aqueles días dramáticos.

Particular centralidade tivo na exposición da Casa das Artes a reportaxe sobre a Guerra de Iraq (2003), unha síntese da máis ampla recollida no libro Iraq. Días de posguerra (Xerais 2003), prologado por David Beriain (xornalista de guerra asasinado esta primavera en Burina Faso), froito das viaxes do noso reporteiro ao Iraq ocupado. Pezas que probablemente recollen mellor ca ningunhas outras a concepción humanista dun fotoxornalista como Teniente, que no epicentro dos conflitos armados prefire buscar a ollada das vítimas nos hospitais de Bagdag, onde se realizaban operacións a vida ou morte en inmundas salas de quirófano, ou entre os nenos e nenas que inventaban as súas vidas entre os cascallos alleos aos estoupidos. Cada unha destas fotos de Iraq, como as das outras reportaxes, fora parte dun relato, constitúe un depósito de memoria futura que desprende compromiso e honestidade, xa que en palabras do comisario da exposición, Teniente “non fotografa o que ve senón o que sente”, céntrase non tanto na traxedia dos milleiros de cadáveres como na poboación que sofre indirectamente os seus danos colaterais.

Nunha xeografía das reportaxes de Teniente non podía faltar un espazo reservado ao traballo documental realizado en Vigo sobre os traballos portuarios, recollidos no seu libro “Mans salgadas” (Xerais 2002), un retrato do mar humanizado de salitre polos traballadores dos estaleiros e da lonxa. Como tampouco faltou a súa reportaxe (2000) sobre Carlos Montouto, alcumado O Gringo, o vello que vivía debaixo da ponte de saída da autoestrada e deambulaba acompañado polo seu can polas rúas viguesas até que foi achado morto no seu acubillo en maio de 2015. Porén, só botei en falta na mostra algunha peza daqueloutra iniciativa artística de Teniente no Casco Vello, “O Vigo que sorrí”, unha exposición ao aire libre (na rúa Abeleira Menéndez) de 64 retratos anónimos en branco e negro e de gran formato (2015) de vigueses e viguesas que quixeron compartir un sorriso no contexto convulso da crise e das dificultades de recuperar o tecido do barrio. Por ventura, esta excelente exposición de Teniente abriu este verán unha xanela de esperanza para a programación fotográfica en Vigo, un dos eidos máis destacados da cultura na cidade.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats