Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Celebremos a Laxeiro

O 21 de xullo fixéronse vinte e cinco anos do pasamento de Xosé Otero Abeledo, o pintor Laxeiro, un dos xenios indiscutibles da arte galega, figura moi vencellada á cidade de Vigo, sede da súa Fundación. A efeméride que pasou desapercibida, como tantas outras, na axenda cultural viguesa, recuperouse por fortuna esta fin de semana da man da Academia Galega das Artes presidida polo pintor Manuel Quintana Martelo que decidiu por aclamación homenaxear a Laxeiro ao longo do vindeiro 2022 e dedicarlle o 1 de abril, Día das Artes Galegas. Unha efeméride que dende 2015 celebra que tal día de 1188 o Mestre Mateo dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria, como consta nos mesmos. Tras a difícil celebración entre os anos da pandemia do arquitecto barroco Domingo de Andrade, construtor da Berenguela ou Torre do Reloxo, contaremos con todo un ano para afondar na figura e peripecia biográfica apaixonante e comprometida de Laxeiro e sobre todo para volver sobre unha obra artística inmensa, constituída por máis de dúas mil pezas, decisiva para a renovación da plástica galega de entre séculos e recoñecida de forma unánime polas novas xeracións.

Os seus amigos, o xornalista Celso Collazo Lema e Isaac Díaz Pardo, consideran que Laxeiro, desde o seu arranque en Cuba e despois na República como artista pouco común, se fixo pintor durante a súa primeira instalación en Vigo; cidade á que chegou en 1942 procedente de Pontevedra, onde deixara o mural “O manancial da vida” (1941) do Café Moderno, no que rendía culto á sensibilidade renacentista. Unha intensa década viguesa na que se incorporou ás tertulias do Café Derby (entón, Bar Imperial) da praza de Colón (hoxe da Farola) e da Taberna Compostela, onde atoparía, entre outros, a inseparables como Urbano Lugrís, o propio Collazo, Carlos Maside, Mario Granell, os irmáns Álvarez Blázquez, Paco del Riego ou María do Carme Krukenberg. Un continuo ir de aquí para alí naquel Vigo aínda en guerra en días tristes nos que as chiquitas do aperitivo da taberna de Elixio, as cuncas da rúa Real e os chocolates dos seráns na casa da señora María, case no Berbés, non impediron a Laxeiro pintar de forma incesante no seu estudio da terraza do edificio da “Plancha” do Banco Hispano na propia Porta do Sol. Aí naceron algunhas das súas obras principais da etapa granítica como o extraordinario “Trasmundo” (1946), na que xa funde as orixes románicas e barrocas co expresionismo; cadro que anos despois recuperaría por unha fortuna para depositalo no Museo de Castrelos e hoxe está cedido de forma temporal no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.

A declaración de 2022 como Ano Laxeiro será unha oportunidade para recoñecer outra vez a quen, como sinalou o tamén pintor Antón Patiño, “pintou como quen traballa a terra”

decoration

Tras a instalación en Bos Aires en 1951, na que sería decisiva a súa relación con Luís Seoane e outros exiliados, así como o coñecemento de Eulalia de Prada, a súa compañeira até 1989, Laxeiro regresaría en 1970, tras unha retrospectiva na Art Gallery Internacional de Bos Aires, para fixar os seus estudios e residencia entre Lalín, Vigo e Madrid. Cunha obra pictórica entón xa consolidada e non deixando de procurar novas canles expresivas, Laxeiro comeza a ser recoñecido, como amosa o feito de que dende 1971 participa nas inesquecibles exposicións ao aire libre da Praza da Princesa ou en 1974, sendo conservador de Castrelos Ángel Ilarri, se lle dedique no Museo Quiñones de León un espazo monográfico con diferentes etapas da súa obra. En Vigo pinta afervoadamente no estudio da rúa do Príncipe e instalado na Cafetaría Goya de Urzaiz ou no restaurante Casa Rouco da rúa Llorente, comparte mesa de seu con vellas e novas amizades. Durante os anos 80 e 90 os recoñecementos e homenaxes sucedéronse, sobre todo, desde que os novos artistas do grupo Atlántica organizaran en Vigo (1981) unha antolóxica, “Érase unha vez Laxeiro”, coa que pretenderon presentalo como o mestre que unía as vangardas galegas, mostra que coincidiu co legado Laxeiro á cidade de Vigo, sendo alcalde Manuel Soto.

Tras o pasamento en Vigo o domingo 21 de xullo de 1996, poucos días despois da inauguración dunha gran antolóxica no Centro Galego de Arte Contemporánea, que logo viaxaría ao Centro Cultural Conde Duque de Madrid, a obra de Laxeiro nunca deixou de concitar interese. Un feito ao que non foron alleos nin as xuntanzas anuais das súas amizades viguesas cada 23 de febreiro, lembrando o día do seu aniversario, como a creación ese mesmo día de 1999 da Fundación Laxeiro, tras o acordo do concello de Vigo e da familia do pintor. Dende entón, a colección permanente do artista, que pode visitarse na sede da Fundación Laxeiro (rúa Policarpo Sanz 15, 3ª planta), converteuse nun dos reclamos culturais principais de Vigo. A declaración de 2022 como Ano Laxeiro será unha oportunidade para recoñecer outra vez a quen, como sinalou o tamén pintor Antón Patiño, “pintou como quen traballa a terra”. Celebremos a Laxeiro.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats