Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Sergio, o noso porteiro

O anuncio de que Sergio Álvarez Conde, o “Gato de Catoira”, colga as luvas debido a unha grave lesión de xeonllo conmocionou ao celtismo pola transcendencia de quen foi o noso porteiro, unha das iconas máis respectadas e queridas do vestiario da Madroa. Un xogador de canteira que soubo manter un compromiso inquebrantable co Celta, desde a tempada 2004-2005, cando sendo apenas un xuvenil procedente do Arousa a súa nai asinou o seu primeiro contrato profesional, pasando polas súas seis tempadas no filial, a súa cesión ao Racing de Ferrol, até ás once consecutivas no primeiro equipo, dende o seu debut en Segunda división da man de Paco Herrera o 4 de xuño de 2011 fronte ao F.C. Cartaxena. Dezasete anos de traballo humilde, tamén de continua mellora, nos que semana a semana, fose na lameira ou agardando no banco, desbaldiu doses xenerosas de afouteza e rigor para non darse nunca por vencido e facerlle fronte ás múltiples dificultades e perigos como tamén da mesura necesaria para compartir as proezas deportivas, que tamén as houbo, no ascenso memorable a Primeira e na Europa Leage (2016-2017) onde foi considerado o mellor porteiro.

Unha traxectoria de máis de 355 partidos como gardameta celeste (132 en Primeira e 10 en competición europea) nos que Sergio protagonizou tardes e seráns memorables. Imposible esquecer o penalti que detivo en Balaídos no seu primeiro derbi, na tempada 2014-2015, con Eduardo Berizzo como adestrador, na que o Gato no minuto 88 e coa táboa de marcas en 2-1 soubo aguantarlle cos brazos abertos ao bosnio Haris Mendunjanin e voar despois cara ao pao esquerdo empurrando coa punta das luvas o balón cara fóra. Unha parada extraordinaria que estalou o entusiasmo no Campo do Fragoso e valeu naquel momento máis que tres puntos, crebando sete anos sen gañar ao noso histórico rival. Como inesquecibles foron outros voos do noso Gato, como os daquela noite no Camp Nou, tamén na primeira tempada de Berizzo, de quen sería un fixo no seu once, paradas que semellaban imposibles a remates de Messi e Luís Suárez, que permitiron unha vitoria histórica. Ou aqueloutra incrible na catedral de San Mamés despexando unha cabezada de Arduriz ou a noite de afouteza celtiña fronte ao Manchester United en Balaídos, o histórico 4 de maio de 2017, na que Sergio sostivo coas súas intervencións os envites dos diaños vermellos.

Sergio Álvarez é modélico polo seu compromiso como deportista coa lingua galega, que utiliza decote nas súas intervencións públicas e que considerou como un plus no contacto como xogador coa afección

decoration

Sergio Álvarez pasará historia como un dos porteiros referenciais do Celta, como Ramón Allegue “Padrón”, xunto a Rubén Blanco, o máis novo en chegar aos 50 partidos co equipo, autor tamén dunha historia do club publicada nestas páxinas de FARO DE VIGO. Como o foron tamén, entre outros que desempeñaron en Balaídos o noble oficio de gardameta, o “Tolo” Fenoy, o arxentino que paraba e marcaba penaltis, e unha longa relación na que non poden faltar Ibarreche, Patxi Villanueva, Javier Maté, Santiago Cañizares, Pablo Cavallero, Pinto e Yoel. Porén, o que diferenza con eles é que o de Catoira foi gardameta dun só club, dende o inicio até o final da súa carreira, no maldito partido de Copa contra o Mirandés do pasado xaneiro. Sergio priorizou a súa continuidade no Celta a calquera outros cantos de serea, unha rara avis no fútbol moderno, tan mercantilizado como deshumanizado. Unha lealtade celeste que o converteu en emblema do que é o Celta para a afección e o club como institución. E iso ten dobre valor para alguén que nunca o tivo doado, obrigado en agardar pacientemente dende a suplencia a súa oportunidade, a non desistir nunca do seu afán, mesmo cando foi discutido por catro repunantes e obrigado a esforzarse e demostrar a súa valía en cada partido.

Foi tamén Sergio Álvarez modélico polo seu compromiso como deportista coa lingua galega, que utiliza decote nas súas intervencións públicas e que considerou como un plus no contacto como xogador coa afección e un factor que o involucraba na historia do propio club, nacido para representar a Galicia. Como valentes foron as súas declaracións confesándose lector de textos de literatura galega, como a novela “Resistencia” de Rosa Aneiros, unha das súas preferencias literarias, contribuíndo así a conformar modelos alternativos para a nosa mocidade. Sergio entendeu como moi pouco futbolistas profesionais as dimensións deste deporte tanto como espectáculo de masas, que hoxe forma parte da industria do lecer, mais tamén o seu carácter formativo para a mocidade nun amplo catálogo de valores (respecto, lealtade, compañeirismo, esforzo, paciencia...) como o valor de todos os clubs como expresión de emocións, vivencias e identidades colectivas. Hoxe cando anuncia a súa retirada prematura expresamos a nosa admiración pola súa traxectoria impecable, agardando a súa continuidade no fútbol (no seu Celta) como técnico e formador de novos futbolistas.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats