A idea era que fosemos moito mellores tras a COVID19. A idea, craro. Cun truco de maxia de circo italiano. Non teño moita certeza de que evolucionaramos nalgún aspecto. E menos, que este aspecto sexa positivo. Por outro engado dunha meiga que trafica con vidas, chegamos a unha solución contra a pandemia. Tomar cañas en calquera terraza era a vacuna perfecta. Chovendo ou con saraiba, contra vento e maruxía. Por moi estrano que pareza, non quedou moi craro que esta actitude fose o remedio contra o virus. Carecemos de estudos rigorosos. Polo de agora. Gústanos pensar que bebendo e consumindo arrancaremos case calquera cousa. Comprar é outra das nosas saidas a crisis. Se é por internet, craro. Escaparse de tour ata a pedra máis afastada tamén parece outra solución. Hai quen marchou de vacacións ó ascensor. Subindo e baixando noite e día. Só por ver algo distinto e notar o movemento.

Tamén estase a dar o turismo de supermercado.

Pero non somos quen de albiscar a fin da COVID. Cando remate darémonos de conta de todos os postos de emprego perdidos. Todos os comercios pechados pola compra compulsiva na internet.

Todo o tecido laboral roto. Todas as familias feridas pola pandemia. E haberá que facer algo máis que tomar cañas para sair da nova crise. Digo eu. Haberá incluso que traballar. E se non é posible, demandar emprego a quen competa. E saude. Polo de agora non teño visto ningún profesional das terrazas etílicas en manifestación algunha. Quizáis gocen dunha vida sosegada e bulideira.