O pasado martes na sede en funcións de Génova 13, trala vitoria sobre o bloque de esquerdas, celebrouse a liberación de Madrid. Coa palabra liberdade, cunha tapa de callos a la madrileña, é dicir, con abundante “morro”, moito “chourizo” e cunhas cañas para favorecer a inxesta de tan indixesto programa electoral, foille suficiente para arrasar nas eleccións do 4M. Dentro de dous anos terá complicado mellorar esta receita se quere acadar uns resultados similares.

Pero Isabel sabe que se pode alcanzar unha cota de liberdade aínda maior e sabedora disto convocará a Pere Navarro, director da DGT, para esixirlle que na capital a taxa de alcohol en sangue se incremente de 0,5 a 0,8 gramos, que era a legal en 1998, para deixar de reprimir aos cidadáns que non se consideran o suficientemente libres tomándose tan só dúas cañas. Cunha medida tan sinxela, Madrid será aínda máis libre, ou menos escrava de leis que van en contra de como vivir a la madrileña. Os seus habitantes poderán tomar seis ou sete cañas sen preocuparse de que logo unha patrulla de Tráfico os pare para facerlle un control de alcoholemia. Hostaleiros, camareiros e chiquiteros verán esta proposta con moi bos ollos e sería un xeito de agradecerlle o apoio masivo que lle deron nas eleccións.

En materia impositiva, para así cumprir co prometido en campaña, baixará impostos en xeral, pero o sector cervexeiro será o máis beneficiado ao quedar exento de calquer pago tributario.

Para seducir a xuventude habilitará os botellódromos que foron desmantelados en épocas pretéritas e que farán da capital un referente para acoller a todos aqueles estudantes europeos que queiran facer un Erasmus en España.

Polo que a política de subvencións se refire, en vez de “regalarlle” os cartos a titiriteiros como Bardém e compañía, os beneficiados coas axudas económicas serán as plantacións de lúpulo. Para os comunistas que se resisten a votala implementará plans quinquenais, ao estilo soviético e chino, para producir e almacenar lúpulo en caso de que veñan anos de malas colleitas. Coa xerarquía eclesiástica de Madrid, asinará un concordato, para que San Miguel pase a ser o patrón da comunidade, sempre e cando a internacional cervexeira pague un canon pola repercusión económica que este acordo tería para a empresa. San Isidro, patrón da comunidade, para reconciliarse co colectivo LGTB, pasará a ser Santa Isidra. Será recordada como a primeira presidenta do mundo en converter un santo nunha Drag Queen.

E para finalizar e facer deste programa un éxito sen precedentes, o cartel electoral será a obra de Eugène Delacroix A liberdade guiando a un pobo reprimido e secuestrado polo tirano Pedro Sánchez. A figura central do cadro será substituída pola de Isabel, a bandeira francesa pola estrelada vermella de Madrid e os seus peitos cubertos cun pano chulapo. Non hai madrileño que se vaia resistir ante semellantes propostas e a vitoria en 2023 será apabullante.