Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Non hai idioma abondo para recoñecérmonos

Aquel 16 de maio de 2001, cando Xela Arias leu na Casa Galega da Cultura o pregón do Día das Letras Galegas [dedicado a Eladio Rodríguez], convertido en bando coa sinatura do alcalde de Vigo [Lois Pérez Castrillo], ninguén podería aventurar que vinte anos despois a poeta viguesa sería homenaxeada de forma tan entusiasta e unánime como o está sendo este 2021. Un discurso que merecería ser recuperado e reproducido como folla voandeira a distribuír o vindeiro luns 17 de maio nas prazas da que foi para ela cidade amada que lle doía reclamando a recuperación do galego como lingua de encontro, como foi “hai xa ben séculos de reis e trobadores que lembramos a transcribir a que manexaban campesiñas e mariñeiros”, como “pode ser hoxe en escolas e mercados, en barcos, bancos e centros comerciais...” e “como pode selo hoxe entre rapaces e meniños”. Unha reclamación da nosa como lingua de encontro de todos os galegos e as galegas, vivan ou traballen dentro ou fóra do país, para a que Xela Arias reclamaba neste punto da historia, quizais como lle sucede a todas as linguas máis dunha vez “os folgos de toda a xente para tocar os pasos todos da vida cotiá, todos os ritmos”.

Un pregón no que Xela Arias alertaba aos vigueses, “xente apaixonada” que sabe “desde a orixe de mesturas e combinacións” da súa responsabilidade para recompoñer “as desordes da historia [do galego] e facérmonos donos do seu uso!”: “Porque estamos en presente somos o futuro que aconteza” ao noso idioma. Apelación á corresponsabilidade cidadá que dúas décadas despois non perdeu actualidade e engarzou co nacemento da recuperación en Vigo tal día como o de hoxe [17 de maio] de 1863 da man de Rosalía de Castro “en dedicatoria a outra muller, tamén escritora, dun exemplar de ‘Cantares Gallegos’”. Unha proeza que festexamos cada ano este día e que para Xela Arias debemos “aproveitar para recuperar e repasar tamén nós a nosa propia voz de cada día”, un exercicio de respecto á lingua que nos é propia “para alongala, para dilatala, incluíndolle os propios desexos”: “porque precisamos aínda máis voces neste río que son os nosos días, porque reclamamos máis palabras que nos aseguren donos de nós...”; “porque nós facemos as palabras, ao nomealas sómonos, fannos independentes...”.

Un discurso extraordinario de Xela Arias, unha peza de oratoria galeguista fermosa reclamando á cidadanía viguesa a participar no futuro do seu idioma como dereito e obriga “para inventarnos ao noso xeito”. Unha intervención que expresa a coherencia de quen fixo do galego un fío condutor da súa vida, dende o berce familiar galegofalante de Ortoá e da Vilerma, pasando pola escolla do seu propio nome, que conseguiu modificar aos trinta e tres anos por auto xudicial, até toda a súa vida profesional como editora e tradutora, unha escolla que levou a todas as súas intervencións públicas e a toda a súa obra poética, a pesar de que era consciente de que utilizar unha lingua minoritaria lle pechaba portas e que facía, como recoñeceu na viguesa revista “Congostra” (1988), “porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados”. Unha elección que, como sinala Ana Iglesias, profesora da Universidade de Vigo, levou a Xela Arias como poeta a coidar e mimar a lingua “ao mesmo tempo que levala aos seus máximos límites” “para pervertela e enxalzala” procurando as súas arestas nun exercicio literario revolucionario propio dunha poeta cubista e transgresora.

Lingua que para Xela Arias formaba parte do pouso dos seus afectos, como lembrou en verso memorable “non hai idioma abondo para recoñecérmonos” (“Boletín galego de literatura 11”, 1994; “Festa da palabra silenciada 16”, 2001), salientando así unha das vías principais para a recuperación idiomática galega. Máis alá do argumento de identidade recollido no verso inicial de “Apátridas”: “Galicia e nós nó de verbos nos novelos dos nomes”, utilizado na nadaliña de Xerais de 1985, Arias aposta nunha cidade inhóspita para o galego como Vigo, como escribiu no bando de 2001, en “preñar o idioma cos nosos berros ou agarimos en semente para os días dos nosos fillos e para que eles poidan ser donos deste verbo para inventarse novos outra vez...”. Procurar máis espazos de visibilidade para o galego, “máis escaparates e bibliotecas con máis voces que deixan na escrita referente dos soños deste pobo, desa xente apaixonada que quere respectar o idioma das nais, e das nais das nais...”. Sinala Manuel Rivas no manifesto “A verdade que desequilibra” (“Luzes 91”, 2021) que Xela Arias “deu a volta á intimidación histórica e presente, que sufre a lingua galega” e abofé que repasando a súa biografía viviu para “frear o proceso de seca e desertización do idioma galego”, a súa causa primeira e principal. Con todos os abrazos, prezada Xela.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats