Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

Con C de Mucha

Carmiña, Carmela, Carmeliña, Mucha... Variantes dun mesmo nome, variacións para unha muller de valor único e sobranceiro.

As lembranzas amoréanse e revoan na miña cabeza. Na de moitas e moitos nesta hora. Porque son multitude as persoas que te quixeron ben.

Volvo atrás máis de cincuenta anos e revivo a túa imaxe leda, sorrinte e retranqueira. Sempre co teu cantareiro acento de Cangas, no medio de amigas e amigos nacionalistas galegos en Madrid. Co patriarca Ben-Cho-Shey e os de Brais Pinto á cabeza, Patiño e Mari, Bautista, Xabier Pousa e Carmela, Cuqui, Sabela e Fernando, Pepiño o da gaita, Manolo Conde –toledano “nacionalizado”– e a súa muller, Anita de Miño, e máis o seu venerable sogro, sempre todos dispostos a cantar “A miña burriña” ou a botar unha muiñeira así fose na Casa de Campo ou en Aranjuez. E un bo feixe de mozos e mozas estudantes que seguiamos o seu labor: Emma e Gonzalo, Pilar e Tito, Xabier Baixeras, Carlos e Camilo de Escairón e tantos outros.

Alá en Madrid fuches activista de Galiza permanentemente. Na caseta galega da Feira do Libro, no Clube de Amigos da Unesco que acolleu solidariamente o Seminario da Cultura Galega, na loita clandestina...

Por esa mesma causa tiveches que saír fóra do país precipitadamente, fuxindo da represión franquista, atravesando os Pirineos guiada polo grupo de Salvador Puig Antich, un dos últimos asasinados polo réxime.

Vímonos Maruxa e eu contigo en París nos primeiros setenta. E coñecimos a Lupe, que fora vivir alí para coidarte, como fixo tamén logo moitos anos, ata hoxe. Miramos xuntos, nun cine do Barrio Latino, o “Amarcord” de Fellini.

Volvímonos ver cando nos instalamos en Cangas. Tomamos unha fecha en Cela, compartindo un carolino de tintafemia. E despois, por riba de discrepancias momentáneas, a nosa amizade e o noso cariño continuou intacto.

Como permanecerá na memoria colectiva do pobo galego o nome de Carme Graña Penedo, unha muller valente que foi quen de arriscalo todo polo seu país e por unha sociedade xusta.

*Veciño de Cangas

Compartir el artículo

stats